'Cadernos Ramón Piñeiro' reúne vinte achegas sobre Ricardo Carvalho Calero

Ricardo Carvalho Calero é o protagonista do último número de Cadernos Ramón Piñeiro. A publicación reúne vinte contribucións sobre a vida e a obra do protagonista do Día das Letras Galegas 2020, entre elas un artigo do presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, sobre o autor na institución, na que ingresou como académico de número en 1958. O seu labor como lingüista centra a achega do coordinador científico da revista e académico Manuel González, que pon o foco na Gramática elemental del gallego común e a creación da cátedra de galego na Universidade de Santiago de Compostela (USC), "dúas referencias na historia do galego do século XX".
 

O xornalista Germán Castro abre o volume cun traballo sobre a ferrolanía de Ricardo Carvalho Calero, en referencia ao sentimento cara á que foi a súa cidade natal e onde viviu vinte e nove anos, e a pegada que esta deixou na súa vida e obra. A primeira parte do volume, dedicada ao autor e o seu tempo, detense tamén nas distintas etapas vitais do autor e da historia da Galicia do século XX da man do historiador Justo Beramendi e os filólogos Claudio Rodríguez Fer, Malores Villanueva e Bernardo Penabade.

No seguinte bloque, do que forman parte as achegas de Víctor F. Freixanes e Manuel González, Mª Pilar García Negro traza o perfil como intelectual de Carvalho Calero, Mario Regueira retrata o narrador; Miro Villar achégase á súa poesía; Henrique Rabuñal percorre a súa relación co teatro; Carmen Ferreira Boo aborda as conexións do autor coa literatura infantil e xuvenil; Xosé Manuel Dasilva fai balance da súa produción como tradutor e José Luís Forneiro trata a presenza dos xéneros narrativos de tradición oral na literatura galega "Renacimento" segundo Carvalho Calero. 

Cadernos Ramón Piñeiro XL recolle tamén nun último bloque artigos de Luís Alonso Girgado, Ánxela Lema París, Rafael Chacón, Henrique Dacosta, Carlos Quiroga, Blanca -Ana Roig Rechou e Anxo Tarrío Varela.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete