XXV edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas para estranxeiros

Nos cursos, que terán lugar entre o 2 e o 27 do mes de xullo, están matriculados un total de 86 alumnos procedentes de 22 estados.
Un grupo de alumnos dos Cursos de Verán visitando a casa dun oleiro.
Un grupo de alumnos visitando o Ecomuseo Forno do Forte, en Buño


No presente ano celébrase a XXV edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas para estranxeiros e españois de fóra de Galicia, organizados pola Real Academia Galega, o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e mais a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Nestes momentos xa formalizaron a matrícula 85 alumnos a alumnas procedentes de 22 estados distintos de Europa, América e Asia. Concretamente, hai matriculadas 5 persoas procedentes de Alemaña, 2 de Arxentina, 9 de Brasil, 5 do Reino Unido, 4 de Chile, 2 de Croacia, 2 dos Estados Unidos de América, 1 de Finlandia, 2 de Francia, 3 de Hungría, 1 de Irlanda, 6 de Italia, 1 de Kazakhstan, 1 de México, 4 de Polonia, 4 de Portugal, 2 de Romanía, 8 de Rusia, 1 de Serbia, 1 de Ucraína, 1 de Xapón e 21 do estado español (2 do Bierzo, 7 de Cataluña, 1 de Euskadi, 3 de Andalucía, 3 de Madrid, 3 de Estremadura, 1 de Canarias e 1 do País Valenciano). No seu día preinscribíronse 140 persoas procedentes de 28 estados. Ademais dos mencionados, tamén se preinscribiron estudantes de Eslovenia, de Grecia, da India, de Israel, de Suecia e de Vietnam).

Do alumnado matriculado, 45 persoas proceden de 26 Centros de Estudos Galegos, vencellados á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, de universidades de Europa e América. Moitas das outras persoas veñen de universidades nas que tamén teñen vínculo coa lingua e a cultura galegas, aínda que non conten cun Centro de Estudos Galegos.

Os cursos constan de 4 niveis: elemental 1, elemental 2, medio e superior. O alumnado dos niveis elementais e do medio terán clases teóricas pola mañá e prácticas pola tarde. O medio vaise dividir en dous grupos, dada a cantidade de solicitudes recibidas para ese nivel. O superior é un curso de Filoloxía Galega con catro seminarios (Temas de lingüística galega, Leccións de literatura galega contemporánea, Formación e historia social da lingua galega e Variación e cambio lingüístico no galego actual).

Programáronse tamén para todo o alumnado conferencias sobre literatura, historia, arte e outros eidos socioculturais de Galicia, xunto con películas e documentais en galego. Ademais, vanse realizar diversas actividades complementarias nas semanas dos cursos. Entre outras, están programadas visitas á sede da Real Academia Galega, ao Museo do Pobo Galego, ao Panteón de Galegos Ilustres e á Cidade da Cultura de Galicia e dúas xornadas completas de inmersión lingüística e cultural en comarcas de interese cultural e paisaxístico, unha na Galicia interior (Allariz e Celanova) e outra na Galicia costeira (Muros, Carnota, Fisterra, Muxía e Dombate).

O acto de inauguración desta XXV edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas para estranxeiros e españois de fóra de Galicia vai ter lugar o venres día 6 de xullo, ás 12:00 horas, na sede da Real Academia Galega, na cidade da Coruña. A clausura realizarase o venres 27 de xullo, ás 12:00 horas, no Salón de actos da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela.