Tribuna

Xosé Rodríguez Cruz, o etnógrafo galego do terceiro milenio

Contos e lendas arraianos

(Xerais, Vigo 2016)

Xosé Rodríguez Cruz leva publicado máis de 2.000 páxinas sobre a cultura popular desa terra arraiana da Gudiña, do Riós e da Mezquita: terra arraiana con Portugal e con Zamora. Cruz, como o coñecen os amigos, non é etnógrafo de gabinete senón etnógrafo de botas e caxato, de corredoira e cociña: non traballa o cómodo e barato sector terciario senón o primario. Esas 2.000 páxinas e as correspondentes gravacións, extraídas da boca dos paisanos en camiños, montes de pastoreo, festas de antroido ou velorios, cociñas con ou sen fume (e as correspondentes gravacións), converten o seu autor nun dos importantes etnógrafos de Galicia, por máis que a súa superlativa modestia o manteña nunha sombra que fai a súa obra aínda máis apetecible. Unha parte importante do que sabemos do traxe tradicional, da música tradicional, do léxico popular, dos relatos populares galegos no cambio de milenio acaba de actualizalo en vivo Xosé Rodríguez Cruz.

Cruz, co seu libro Así falan na Gudiña (Ourense: Deputación de Ourense; 363 páxs.), forma parte dos cinco que abriron a filoloxía galega do século XXI. Este e os seus traballos posteriores descóbrennos, contra o previsible, que a cultura popular galega non se disolve nesa dobre fronteira galega senón que está, se cadra, máis viva e auténtica do que pensan os núcleos urbanos que hoxe marcan o compás.

Este rigoroso etnógrafo é doutor en escoitar, gravar, transcribir e artella-la información de milleiros de horas de conversa en lareiras, en camiños de pastores, arredor de mesas sen mantel, nesas terras que o frío e a aguia real señorean. Coñéceno ben os especialistas no traxe tradicional galego, no antroido, nas melodías ancestrais, nos relatos de tradición oral pero non todos saben que o material que consegue arrecadar e organizar sempre o pon a disposición dos interesados, nalgún caso antes de el publicalo. Esta actitude científica fíxolle padecer algunha trasnada, porque Cruz tamén é doutor en xenerosidade.

As súas obras encontraron editor maiormente na Deputación de Ourense, aínda que algunhas editounas Ir Indo. Hai pouco (2016) Xerais lanzou os seus Contos e lendas arraianos, que podemos cualificar de testamento literario do mundo rural galego. Contén relatos sobre o demo (11); o trasgo (10); sobre animais: o Lobo da xente (4), o lobo (12); a raposa (1); o oso (2); as serpes (4). Sobre os mouros e as mouras (46); os sinais que deixou o cabalo de Santiago (9). Hai tamén contos de animais (41); contos de curas, bispos e sancristáns (18), contos relixiosos (5); contos fantásticos (7); de bruxas (3); de fórmula (2); novelescos (4); de humor (63); contos rimados e cantados (1). Nestas cifras non inclúo os relatos que son variantes doutro conto básico e que, nalgúns casos, chegan ás 7.

Talmente como fixeran os irmáns Grimm en Alemaña, Walter Scott en Escocia, Iolo Morgannwg en Gales e Anatole Le Braz na Bretaña, Cruz rescata aquí 243 relatos orais, como xoias áureas dese fondo literario oral en perigo de extinción. Pon especial atención en inmortalizar con nomes e apelidos os seus 67 informantes da Gudiña, do Riós, da Mezquita, de Viana do Bolo, de Vilariño de Conso, de Lubián, de Verín, de Vilardevós, de Baltar, de Calvos de Randín, de Monterrei, de Manzaneda; e tamén de fóra da raia: algún de Hermisende e do Padornelo (por parte zamorana) e de Vilar de Perdizes e de Rio de Onor (por parte portuguesa).

Estes Contos e lendas arraianos non só conteñen a mitoloxía ancestral: as autoridades civís, políticas e eclesiásticas aparecen sen censura, tal e como aparecen hoxe nalgunhas canles de televisión. Os contos tradicionais cumpren nas aldeas a función de hixiene da opinión pública e do humor político, que hoxe esperamos da televisión.

Os Contos e lendas arraianos, libres de afeitado normativo ou ideolóxico, provocarán investigacións eruditas pero van dirixidos preferentemente á xente común que é a que sostén a lingua e a cultura tradicional (e polo tanto o País) en paralelo cunha cultura tecno-erudita, que tende a vivir en paralelo ou á marxe da tradición. Coñezo o autor e sei que lle importa máis a xente común, de carne e óso, cos seus problemas pero tamén coas súas grandezas e oportunidades.

Contos e lendas arraianos é un libro para soñar como soñaban os nosos avós. O libro vai enriquecido cun prólogo de Gonzalo Navaza e un epílogo de Camiño Noia, que coñecen o tema e tamén dan fe da xenerosidade deste etnógrafo que, para honra dese Corpo, tamén é Policía Nacional.

Xesús Ferro Ruibal
Membro de número da Academia