No acto, de entrada libre, intervirán canda o historiador e académico correspondente o coordinador do Seminario, Antón Santamarina; Ana Boullón, en representación da AGOn; o alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín; e mais Evaristo Domínguez Rial, quen se encargará de presentar o autor. O volume sae do prelo co apoio económico da Deputación da Coruña e do Concello de Zas, e pode consultarse tamén en versión dixital na sección de publicacións de academia.gal.
Lema Suárez é natural de Bamiro, no veciño concello de Vimianzo, e bo coñecedor da historia destoutro concello da Terra de Soneira. En 2020 publicou canda Evaristo Domínguez Zas polo miúdo, unha obra na que afondaron na historia de cada unha das súas parroquias. Desta volta o académico correspondente pon o foco nos nomes de Zas e recompila con detalle as distintas hipóteses e certezas sobre a orixe e significado de 145 topónimos. Inclúe todos aqueles que designan as súas parroquias e aldeas, o propio concello e tamén outros como Soneira, que identifica e comarca histórica da que forma parte Zas; e Xallas, o río que toca a zona sur do municipio, antiga xurisdición señorial á cal pertenceron dúas parroquias e comarca natural.
Lema incorpora igualmente un documentado estudo do nome do río que vertebra as augas da Terra de Soneira, o río do Porto, desde a década de 1960 impropiamente denominado río Grande, advirte. Pretende así contribuír —explica— a que se lle restitúa o nome histórico, que maioritariamente se lle viña dando, polo menos desde 1764, ano en que o intelectual ilustrado José Cornide mesmo o cita co nome en galego.
Sobre o nome de Zas, Xosé María Lema Suárez indica que, malia darse por certa ata hai pouco a hipótese de que procedía do xermánico *sala ‘pazo, residencia principal’, adecuada para o melidense Zas de Rei, a documentación medieval demostra que non pode ter a mesma orixe. Asume así a hipótese de Martínez Lema de que a orixe do topónimo soneirán está no acusativo salĭce do fitónimo latino salīx ‘salgueiro’, que deu lugar no galego medieval ás formas Saaz / Saz e Saas / Sas. Entre outros documentos que así o atestan, o estudoso refírese ao testamento en galego de 1334 de Lionor Gonçalves de Saz, nobre da zona enterrada nunha capela da catedral de Santiago e inmortalizada como oferente no tímpano que hoxe se conserva no seu museo.
As grafías Saaz / Saz e Saas / Sas mantivéronse no castelán dos séculos XVI, XVII e o primeiro terzo do XVIII. O paso de Saz ao actual Zas, que aparece xa no Castastro de Ensenada (1753), é para o académico correspondente unha ultracorrección do seseo. “Hoxe en día aínda se lle escoita pronunciar Sas á xente de máis idade”, lembra.


