Nesta edición tamén foron recoñecidos Manuel Pereira Valcárcel co Premio á difusión da lingua na comarca de Tabeirós-Terra de Montes e Uxía Senlle co Premio á normalización no ámbito galego. Os galardóns serán entregados nun acto aberto a todo o público que terá lugar no Teatro Principal da Estrada a segunda semana de novembro.
Xosé María Lema é desde 2002 membro correspondente da Real Academia Galega, onde forma parte do Seminario de Onomástica. Este é un dos eidos aos que presta atención na súa obra, que tamén profunda na historia da arte, a etnografía, a lexicografía e a lingüística. Membro do padroado do Museo do Pobo Galego, exerceu a docencia como catedrático de Xeografía e Historia e foi premio extraordinario de doutoramento da Universidade de Santiago de Compostela. Como investigador recibiu ademais os premios Pedrón de Ouro de Etnografía (1976) e Antón Losada Diéguez (1994).
O seu labor como articulista mereceu o Premio Manuel Reimóndez Portela (2010) por unha serie de cinco artigos en defensa da lingua galega. Foi un dos fundadores de ProLingua e coautor do Dicionario Xerais da Lingua (1985), Pequeno Dicionario Xerais (1989), Gran Dicionario Xerais (2000) e Diccionario dos Nomes Galegos (1992).
Como narrador, o académico correspondente é autor de Costa do Solpor (Xerais Narrativa, 2013), Premio da Crítica Galicia de creación literaria 2014, e Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro (Xerais, Fóra de Xogo 2017).