Xosé Henrique Costas defende na Assembleia da República Portuguesa unha proposta para a salvagarda do mirandés

O académico correspondente Xosé Henrique Costas compareceu o pasado venres na Assembleia da República Portuguesa como experto en linguas minoritarias. Convidado polo presidente da Comisión da Reforma da Constitución, o deputado José Silvano, quen lle encargou a elaboración dunha proposta para a salvagarda do mirandés, o catedrático da Universidade de Vigo defendeu ante os deputados e deputadas que Portugal debe elaborar unha lei de protección desta lingua que conteña medidas efectivas en todos os niveis da educación, da administración, da xustiza, da sanidade, do eido asistencial, dos medios de comunicación, do comercio etc.

O académico correspondente e catedrático da Universidade de Vigo Xosé Henrique Costas, á esquerda, comparecendo Assembléia da República Portuguesa

O convite da cámara portuguesa chegou tras a publicación do libro Persente i feturo de la lhéngua mirandesa: studo de ls usos, atitudes i cumpeténcias lhenguísticas de la populaçom mirandesa, volume que o propio Xosé Henrique Costas coordinou e publicado hai apenas dous meses en mirandés pola Universidade de Vigo.

Dende a súa edición, o estudo foi citado por distintos parlamentarios como argumento para unha intervención inmediata do Goberno portugués en favor do mirandés e deu lugar a numerosas novas e debates nos medios de comunicación lusos. O académico correspondente, director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, defende unha proposta que en esencia pasa por que Portugal ratifique a Carta Europea das Linguas Rexionais do Consello de Europa e aplique o seu articulado.