Víctor F. Freixanes participou o pasado xoves na celebración canda a comunidade escolar, a familia de Xela Arias, compañeiros e alumnas de Xela Arias, a concelleira de Cultura, Uxía Blanco, e o xefe territorial de Educación.
Alumnas e alumnos do centro interpretaron dous poemas da homenaxeada coa música composta para a ocasión por Xaime Estévez, profesor de música do instituto e compañeiro de Xela Arias. Outra compañeira do IES Álvaro Cunqueiro, a profesora Carme Guinarte, lembrouna como profesora vocacional e comprometida coa educación da mocidade e Rita Barco, exalumna da protagonista do Día das Letras Galegas 2021, agradeceu a fonda pegada que deixou nela e nos demais mozos e mozas dos que foi docente.
Tamén tomou a palabra Darío Gil, fillo de Xela Arias, quen coincidiu co presidente da RAG en animar o alumnado a facer súa a lingua galega. A celebración concluíu co descubrimento dunha placa que recorda o vínculo de Xela Arias co instituto e a plantación dunha árbore.
Xela Arias dedicouse á docencia nos últimos anos da súa vida e impartiu aulas en apenas catro anos en nove institutos. Un deles foi o IES A Sangriña da Guarda, que mantivo tras a súa morte durante case unha década un certame literario co seu nome. O centro celebrou as Letras Galegas 2021 cun acto no que tamén se inaugurou unha placa na súa memoria e se lle deu o seu nome á aula de usos múltiples.
O IES Xelmírez II de Santiago de Compostela conmemorou igualmente as Letras Galegas 2021 cunha programación especial e no IES de Chapela (Redondela) loce dende o curso 2018-2019 un mural que recolle un dos versos do poema "Independencia II" da autora.