A primeira xornada de homenaxe do IES Castelao á antiga alumna comezou coa descuberta da placa coa lenda Paraninfo Xela Arias que dá nome a partir de agora ao salón de actos do instituto. O acto contou coa presenza de representantes institucionais e de toda a comunidade educativa. O alumnado deu lectura a poemas da autora e fragmentos de Non te amola!; tomaron tamén a palabra o fillo de Xela Arias, Darío Gil; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e por parte do profesorado interviñeron Agustín Nieto como mantedor, Marco Veiga, director do instituto, e Mónica Soto, docente e amiga de Xela Arias.
A celebración concluíu coa actuación de Clara Pino, amiga tamén da homenaxeada dende a universidade, e Pablo Vidal, que converteron en composición musical un dos poemas de Tigres coma cabalos (1990). O videoclip do tema está dispoñible dende esta semana en Youtube.
Polo instituto pasarán nas vindeiras semanas Ana Iglesias, Manuel Bragado, Ana Luna, Yolanda Castaño, Emma Pedreira, Serafín Marcos e María Xosé Nogueira para abordar xunto ao alumnado distintos aspectos da vida e da obra de Xela Arias. O centro acollerá ademais a exposición Aquela nena de Sarria... Xela Arias e participa na serie de micropezas da Real Academia Galega Xela Arias. Onde canta a poeta. As alumnas Aitana Avendaño, Carolina Mariño e Lucía Navarro interpretando o poema “Son augas” protagonizan unha desta pezas e Mónica Soto lembra noutra a Xela Arias como amiga e docente implicada na celebración dende as aulas das Letras Galegas 2021. Pola súa banda, o crítico literario e tamén profesor deste instituto Ramón Nicolás aborda a recepción de Tigres coma cabalos noutro dos vídeos. Alén das aulas, Nicolás celebra as Letras Galegas 2021 dende a súa bitácora con contidos que profundan na obra de Xela Arias e nas iniciativas arredor do vindeiro 17 de maio.