Tribuna

Xela Arias

Non é un día, é todo o ano. Aínda máis, en realidade o Día das Letras Galegas é unha fiestra que se abre cara ao futuro. Descuberta e, ao mesmo tempo, reflexión. A figura escollida serve de referencia non só dunha obra individual, a creación literaria ou estética, senón que vén ser asemade crónica ou evocación dun tempo. Carvalho Calero, a quen a RAG dedicou o ano pasado a xornada grande do 17 de maio, encarnaba o galeguismo do pasado século, dende o Seminario de Estudos Galegos (1923), coa memoria das Irmandades da Fala (1916) e o tempo ilusionado da Segunda República, ata a resistencia do exilio interior nos anos 50-60 e as reflexións posteriores arredor das estratexias do idioma. En certos aspectos a súa figura asemellábase historicamente á de Antonio Fraguas, homenaxeado en 2019.

Xela Arias (1962-2003) instálanos na Galicia dos anos 80 e 90 do século XX: a Galicia urbana, que conserva a memoria da aldea, pero que vive as profundas transformacións demográficas, económicas, sociais e culturais que caracterizan as derradeiras décadas dese século. A nena de Sarria pasa a ser, con apenas nove anos, a nena dos barrios de Vigo, a nena do Calvario, e xa unha adolescente, a moza que quere vivir e construír a súa propia experiencia, o dereito a exercer a súa autodeterminación persoal.

A academia elixiu unha muller nova para unha Galicia nova: unha lingua consciente das súas raíces, mais debruzada no século XXI, nas novas formas de creación e expresión, novas linguaxes, novas experiencias, representativa dun momento extraordinariamente creativo na cultura de finais dese século: a música, as artes plásticas, a produción audiovisual, a industria editorial… Xela contribuíu moi activamente ao afortalamento desa etapa, participando comprometidamente en moitas iniciativas, mesmo de mobilización social. Alguén a definiu como un “verso libre”. Podemos aceptar a definición se a consideramos alén de grupellos, etiquetas, parroquias ou circuítos de influencia. Mais poucas creadoras tan conscientes do seu traballo e da súa responsabilidade, como escritora (poeta) e no traballo editorial, tanto na produción de títulos como no seu papel de tradutora.

Xela participou de xeito moi activo nun período especialmente ilusionante da nosa cultura máis próxima: o desenvolvemento da industria editorial a partir dos anos 80, xa no marco de actuacións democráticas que permitía a Constitución de 1978 e o Estatuto de Autonomía (1981), o crecemento de editoriais e propostas para as xeracións novas, a reflexión sobre a interdisciplinariedade dos creadores (a música, a fotografía, as artes plásticas, o cinema, o teatro, a literatura), sen esquecer posicionamentos críticos e solidarios, propios da súa xeración. A súa figura, ademais da súa obra, permítenos visitar un tempo que non por próximo é menos relevante e significativo.

A palabra poética de Xela Arias é a palabra da muller do tempo novo que arelamos e que, en gran medida, xa está aquí, aínda que ás veces non saibamos velo, ou non o valoremos como merece. Un dos fitos máis significativos das últimas décadas é a incorporación activa da muller á vida social, intelectual, científica, empresarial, profesional, universitaria, tecnolóxica, que xa non ten marcha atrás. De todas estas cousas podemos e debemos falar cando reivindicamos a palabra de Xela, a nena de Sarria, a mociña do Calvario vigués, a poeta, a ensaísta, a tradutora, a profesora despois, a nai que soña un mundo libre e mellor para o seu fillo (Darío), a filla de Amparo e Valentín, por que non?, que souberon sementar nela o futuro e, chegado o momento, souberon deixala voar.

Víctor F. Freixanes
Presidente da Academia