Hemeroteca

¡Viva Galicia!¡Viva o rexionalismo!
A Monteira, unha publicación defensora do rexionalismo

O periódico lucense A Monteira. Somanario de intreses rexionales e literatura foi a primeira publicación escrita en galego que tivo unha clara orientación rexionalista. Nas súas páxinas, a lingua, a literatura e a política galegas foron os temas que recibiron unha meirande atención.

Cabeceira da revista coa representación da popular monteira.. Fonte: RAG

Entre os diversos periódicos escritos en galego que saíron do prelo durante as dúas últimas décadas do século XIX inspirados no exemplo de O Tio Marcos d'A Portela, o lucense A Monteira salienta polo seu inequívoco compromiso coa lingua do país e polo seu apoio expreso á ideoloxía rexionalista. Verbo do primeiro aspecto, ese compromiso manifestouse desde o número inicial da revista, onde se publicou a primeira entrega dun artigo titulado "D'a fala gallega" no que se reclamaba a rexeneración da nosa lingua, e seguiu estando presente ao longo de toda a súa existencia. En verdade a cuestión lingüística foi unha das principais motivacións da aparición deste periódico lugués, que tivo por obxectivos a defensa do idioma galego e a súa popularización a través da prensa para tentar escorrentar os prexuízos que empecían o seu desenvolvemento. Respecto da postura ideolóxica, A Monteira nunca agochou a súa toma de posición a prol do rexionalismo, que daquela estaba a se organizar como movemento político dirixido por Manuel Murguía e por Alfredo Brañas, de tal maneira que se pode afirmar que esta foi a primeira publicación rexionalista escrita integramente en galego. Máis concretamente, A Monteira amosou unha clara afinidade ideolóxica co rexionalismo católico-conservador de Brañas, persoeiro que recibiu un tratamento relevante nas páxinas da revista. Enténdese así que o derradeiro número rematase coas palabras que constituíran o lema inspirador da súa existencia: ¡Viva Galicia!¡Viva o rexionalismo!

De periodicidade semanal, a revista iniciou a súa andaina o 5 de outubro de 1889 e finalizouna o 27 de decembro de 1890 co número 65. Cada número constaba de oito páxinas e os seus contidos axeitábanse en gran medida aos obxectivos e presupostos sinalados no parágrafo anterior. Como era de agardar, a literatura ocupou un lugar sobranceiro, e moi nomeadamente a poesía, aínda que tamén houbo espazo para os contos curtos e para os relatos por entregas. Hai que salientar a inclusión -no número 35 do 31 de maio de 1890- do poema "Os Pinos" de Eduardo Pondal, composto para o Certame Musical que se celebraría en agosto dese ano na Coruña e que constitúe a base da letra do noso himno. Especial interese mereceulles aos responsables da revista a literatura popular, consonte o demostra a inserción habitual de cántigas, contos e refráns. A todo iso hai que engadir ademais a existencia dunha sección fixa, "Pubricaciós", consagrada a dar conta do movemento literario no país, con comentarios acerca da saída de novos libros escritos tanto en galego como en castelán. Outras seccións fixas, "De todo un pouco" e "Espeutáculos", estiveron dedicadas, respectivamente, a dar noticias de actualidade e a informar sobre actos culturais. Os contidos completábanse con traballos de temática lingüística, histórica ou etnográfica, e por suposto con artigos de carácter político sempre en defensa das teses rexionalistas. A listaxe de colaboradores é avultada e nela podemos encontrar algúns dos nomes relevantes da vida cultural galega de finais do século XIX: Eduardo Pondal, Antonio M.ª de la Iglesia, José Pérez Ballesteros, Marcial Valladares, Alfredo Brañas, Eladio Rodríguez, Filomena Dato, Jesús Rodríguez López e Juan Barcia Caballero.

Título dunha das seccións da revista. Fonte: Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia

O fundador e director da revista foi Amador Montenegro Saavedra, quen tivo como colaboradores principais o seu irmán Anselmo e mais o seu amigo Manuel Pardo Becerra, autor este último do artigo "D'a fala gallega" que se mencionou antes. A Montenegro Saavedra débenselle ademais unha boa cantidade dos traballos en prosa ou en verso aparecidos nas páxinas do periódico, e incluso algunhas traducións para o galego de textos escritos noutras linguas. Alén do seu labor como director da revista, Montenegro Saavedra desenvolveu unha ampla actividade xornalística en numerosas cabeceiras da prensa de Galicia e América, case sempre empregando o galego. Foi tamén autor de libros de poemas e de fábulas en galego, así como de obras en castelán sobre agricultura. O recoñecemento de todo ese activismo cultural chegoulle ao ser nomeado membro da Real Academia Galega en 1907, ingresando nela en decembro de 1909. Nesa ocasión tamén resultou evidente o compromiso coa lingua, pois o seu discurso de ingreso na institución, titulado "Alma d'a Poesía Gallega", foi o primeiro que se leu en galego na historia da Academia, e a el respondeu, tamén en galego, o académico Juan Barcia Caballero.