Visita dunha delegación brasileira á Academia

Na súa visita á Academia, os alumnos brasileiros do Curso de Lingua e Cultura Galega, o Camiño de Santiago, promovido pola USC, foron introducidos á historia da nosa institución e da literatura galega por Xesús Alonso Montero e Dolores Vilavedra.
Foto de grupo dos alumnos brasileiros con Alonso Montero e D. Vilavedra.
Os alumnos do curso con Alonso Montero, Dolores Vilavedra e o debuxante Siro López


Na súa alocución, a profesora e crítica Dolores Vilavedra fixo un percorrido pola historia da nosa literatura desde a Idade Media ata o momento actual. "Para ilustrarvos mellor o grao de desenvolvemento que acadou a nosa literatura na Idade Media", salientou a profesora Vilavedra do período medieval, "debedes ter en conta que aquí naceu un xénero literario, o das Cantigas de Amigo, moi singulares por estaren sempre escritas desde o punto de vista feminino, que foi exportado ao exterior e cultivado sempre en galego. Isto non sería posible entendelo se non temos en conta que, na Europa románica daquel tempo, as linguas aínda non se diferenciaran dabondo entre si como para non resultaren intercomprensibles, e no efecto difusor do Camiño de Santiago".

A profesora Vilavedra duranteo seu discurso
A profesora Dolores Vilavedra durante a súa exposición


"Os intelectuais galeguistas de finais do XIX eran conscientes da necesidade de dotar o galego, unha lingua que daquela estaba fóra da institución escolar, dunha norma que a unificase", comezou sinalando Alonso Montero, "e coa axuda da comunidade de emigrantes galegos establecidos en Cuba, esta vontade puido ser levada adiante, grazas sobre todo á vontade dun obreiro ferrolán autodidacta, galeguista e con fame de cultura: Xosé Fontenla Leal". O presidente da Academia, despois de resumir brevemente a traxectoria da institución, rematou o seu discurso subliñando a importancia do Día das Letras Galegas na recuperación e celebración da nosa cultura.

Alonso Montero durante a súa intervención
Alonso Montero dirixíndose aos alumnos