Shozo Nakanishi durante a súa visita á Academia
Banqueiro de profesión e poeta vocacional, Shozo Nakanishi accedeu ao coñecemento da obra de Rosalía de Castro de xeito casual en 1985, cando estaba destinado en Madrid por motivos de traballo e se facían cen anos do pasamento da poeta do Sar. A partir deste momento, e despois de ler varios artigos de Alonso Montero sobre esta autora, Nakanishi empeza a traballar na tradución ao xaponés dunha ducia textos tirados de Cantares Gallegos que aparecen publicados no 2000 baixo o título de A poetisa Rosalía de Castro. Seis anos máis tarde, no 2006, dá ao prelo, para o público xaponés, a súa tradución de A mi madre.
No transcurso da súa visita, o presidente da Academia, Alonso Montero, transmitiulle o seu recoñecemento, en nome de toda a institución, polo seu labor a prol da difusión da nosa cultura alén das nosas fronteiras.