Chamáchesme moreniña,
érache co po da eira.
Xa me verás o domingo
coma a rosa na roseira.
Esta cantiga forma parte dun repertorio reunido por un grupo de ensinantes —coa colaboración do alumnado— do CPI Santa Lucía1, no concello de Moraña. Recorda os labores do campo que moitas mulleres, fortes coma carballas, desempeñaron durante séculos. Mulleres que entremedias, cando a faena o permitía —debullando ou esfollando o millo, fiando...— ou unha vez rematada esta, aínda gardaban folgos para argallaren foliada con cantos transmitidos polas súas devanceiras ou mesmo improvisados para a ocasión. Aquelas merendas na mesma leira, na eira, no alpendre onda a lareira, levaban o compango da poesía ao que se refería Celso Emilio2. O acompañamento musical con tarrañolas, pandeiretas, cunchas de vieira, botellas de anís, testos... adoitaba quedar para as ruadas dos días de troula.
A raíz da entrada en vigor da Lei de Normalización Lingüística de 1983 —que permitiu, por fin, a incorporación do galego nas escolas—, foi cando moitos mestres e mestras, nunha sorte de fervedoiro de entusiasmo contaxioso, comezamos a recoller cantigas que na maioría dos casos só estaban na memoria oral das avoas e bisavoas, para, entre outras cousas, publicármolas na revista escolar. Viñamos de experimentar grandes e recentes descubrimentos sobre o noso legado cultural —despois dun longo período de ventás cegas á liberdade en “feliz” ignorancia—, e queriamos seguir o ronsel dos eruditos etnógrafos que estabamos a achar (Sarmiento, Rosalía, Casto Sampedro, Perfecto Feijoo, Bouza Brey, Lois Tobío, Cabanillas, A. Fraguas...), na maioría dos casos con fins exclusivamente pedagóxicos. Avalado por diferentes publicacións, Manuel Rico é un deses mestres que investigou sobre a música tradicional para a levar ás aulas.
Recuperar cantigas que estaban a piques de se perderen foi como apañar amorodos ventureiros, dos que nacen espontáneos onda os regueiros e os valados: gozoso e sabedeiro. Entre aqueles cantos populares había verdadeiras alfaias poéticas nun galego xenuíno. A gran maioría das informantes eran mulleres que xa non traballaban exclusivamente no campo —os tractores, e outro tipo de maquinaria gobernada en boa parte por homes, ocuparon parte dese espazo—, mais seguían a cantar no río de lavar para entreteren as frieiras do inverno. Ou mentres premían no pedal dunha Singer ou dunha Wertheim para que saísen puños e colos de camisa coma restras de chourizos. Ou arrolando un bebé, ou na sobremesa dun xantar de festa... Moitas delas, conscientes do valor dese herdo e do risco de desaparición, escribiran en anacos de papel de saco o seu repertorio persoal. Na gabeta da máquina de coser, na da mesa de noite, nun caixón do chineiro... dobrados con xeito, cal mapa que terma dun tesouro, agardaban o rescate.
Eu mesma lembro cando Cilia do Covelo (Saiáns) ou Bernardita do Casal (Laxe) nos cantaron, sen interrupción, máis de cen coplas.
Talvez, se xuntásemos as revistas escolares de todos os colexios galegos das últimas décadas do s. XX teriamos non só un dos máis completos cancioneiros para arrimar aos recollidos por refutados investigadores en diferentes publicacións, senón unha radiografía da sociedade galega nun abano máis amplo: a concepción da muller, os oficios, o amor e o desamor, os remedios caseiros para males de corpo e alma, as plantas medicinais, a burla, os consellos de todo tipo, os costumes, a diversión, a troula.
Precisamente un dos maiores acertos desta decisión da Real Academia Galega de lles dedicar este 2025 ás cantareiras, poñendo por abandeiradas a Adolfina e Rosa de Cerceda, Eva de Muxía e Manuela, Teresa, Prudencia e Asunción de Malpica, foi o efecto dominó que está a producir en diferentes puntos da nosa xeografía. Outras cantareiras están a ser rescatadas da invisibilidade e do esquecemento, provocando un lexítimo aluvión de nomes que merecen un lugar na memoria colectiva, por termaren da lingua e por nos transmitiren a súa sabedoría da maneira mais libre e sedutora.
Do legado destas creadoras de ledicia, como diría Mercedes Peón, recoñecen terse alimentado, ademais da devandita, Fuxan os Ventos, Milladoiro, Leilía, Uxía Senlle, Ugía Pedreira, Xabier Díaz, Baiuca, as Tanxugueiras, Boyanca Kostova, Mondra, Caamaño & Ameixeiras, Fillas de Cassandra, De Ninghures, Catuxa Salom, Alana, Alba María, Xairo de Herbón… e tantas e tantos outros que irán vindo para avanzaren dende a tradición á modernidade.
Vaia por todas elas esta homenaxe da RAG!