O músico Rubén Troitiño
"A Muiñeira para Antonio Fraguas foi composta con diversos xiros e harmonías moi empregadas na música tradicional, deixando entrever algunha que outra melodía oculta pertencente á zona de Cotobade e da contorna, chegando a rozar incluso o concello de Forcarei, onde tamén teño as miñas raíces", explica Rubén Troitiño. "Busquei tamén o peso da percusión, que é clara e tallante, dándolle así un carácter de marcha e intentando plasmar o peso e a importancia de Antonio Fraguas na nosa cultura", engade.
A peza para Fraguas foi gravada coa colaboración de integrantes, entre os 12 e os 70 anos, de catro agrupacións musicais en só dous días. "O proceso de gravación foi rápido, buscando sempre un son natural e que, pese a ser unha obra de autor, reflectise o aire que teñen as composicións que xa consideramos de corte tradicional", detalla. A Muiñeira para Antonio Fraguas foi estreada o 12 de maio, da man de Emilio Españadero, no programa Lume Na Palleira da Radio Galega. Pouco despois cruzou o Atlántico e puido escoitarse na celebración do Día das Letras Galegas no centro galego de Caracas.
Rubén Troitiño valora a decisión da Real Academia Galega de lle dedicar o 17 de maio a Antonio Fraguas. "Volveu revivir o Cancioneiro de Cotobade, que recompila coplas ás veces esquecidas pola maior parte das veciñas e veciños do concello. Este traballo de Fraguas amosa unha parte fundamental da transmisión oral, do noso patrimonio inmaterial. Mostra unha realidade pasada que hoxe nos soaría a algo estraño, ou que simplemente descoñeceriamos", expresa.
Tradición que segue a ser cultura viva
A celebración do 17 de maio dedicado a Fraguas cadrou en calquera caso nun momento de boa saúde para a música tradicional nas terras onde naceu e medrou. "Na zona de Cerdedo-Cotobade e arredores hai numerosas asociacións adicadas ao estudo, a conservación e a difusión da música tradicional, estase vivindo unha época moi activa, impulsada en gran medida pola propia memoria colectiva do lugar. Ao son das pandeiretas, facíanse numerosas festas coas veciñas e veciños dos lugares da contorna. Os gaiteiros non eran menos, e algúns deles chegaron a acadar moita sona. Na actualidade isto segue sendo parte fundamental da cultura viva pero cun carácter máis actualizado", conclúe.