Tendo en conta que a aparición da imprenta incrementou notablemente a produción de libros e, xa no século XVIII, o movemento da Ilustración promoveu a difusión da lectura en todas as capas da sociedade, este tipo de guías resultaban moi necesarias para a organización das bibliotecas. Nos dez capítulos en que se divide esta disertación, Legipont analiza diferentes aspectos relacionados coa biblioteconomía, a maior parte vixentes na actualidade.
O autor define biblioteca como "oficina de todo genero de erudición". Con respecto ao edificio destinado a tal fin destaca como aspectos que se deben valorar a amplitude, limpeza, a fermosura e a comodidade; e no que atinxe á formación da colección aconsella adquirir os libros inspirándose nas boas bibliotecas xa existentes, nos catálogos dos libreiros e no trato cos eruditos nas distintas materias.
Tampouco esquece Legipont sinalar as características dunha boa edición: a limpeza e brancura do papel, a fermosura da letra ou a presenza de dilatadas marxes, xustas advertencias e copiosos índices. Así mesmo, debe prevalecer a calidade e a conveniencia dos libros sobre a cantidade, aínda que esta última será diferente segundo se trate dunha biblioteca pública ou privada.
En todo caso, segundo este manual, será importante que a biblioteca conte con tres tipos de libros: "unos son necessarios, otros utiles, otros hermosean", e non só haberá que reunir as obras dos mellores escritores, senón tamén as dos seus interpretes e críticos, dando prioridade ás edicións orixinais sobre as traducións e valorando os exemplares raros pola súa escaseza.
Outro aspecto ao que o autor lle concede moita importancia é á disposición dos libros dentro da biblioteca. Opina que os diferentes grupos en que se divida a colección non deben ser nin demasiado amplos, xa que entorpecerían a busca, nin demasiado pequenos, porque dificultarían a memoria.
Legipont propón dividir a colección en catro grandes clases: Teoloxía, Filosofía, Historia e Xurisprudencia, que posteriormente poden ser subdivididas. Neste sentido, a edición que describimos ofrécenos dúas interesantísimas láminas sobre a distribución das distintas materias dentro do espazo físico da biblioteca. Pero, unha vez colocados os libros, hai que atopalos dun xeito rápido e sinxelo. Para acadar isto é partidario de asinarlle un número romano a cada armario ou libraría, unha letra maiúscula a cada "grada" ou estante e un número arábigo a cada libro.
Como curiosidade, debemos anotar que este sistema de ordenación aparece no propio exemplar que estamos a describir, no que consta un selo impreso coas epígrafes de Librería, Estante, Número, característico das obras que proceden do pazo de Meirás, antiga residencia da escritora Emilia Pardo Bazán. Con todo, o autor da obra considera imprescindible para atopar os libros a existencia nas bibliotecas de dous tipos de índices: o alfabético de autores e o de materias.
Oliver Legipont conclúe instando a un uso público das bibliotecas e definindo os libros como "manjares de las almas, de quienes comen los hambrientos de sabiduría".