A académica Margarita Ledo, directora do proxecto sobre cinemas nacionais en linguas minorizadas na contorna dixital europea
O proxecto, desenvolvido polo Grupo de Estudos Audiovisuais da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que coordina Ledo, constata, malia as declaracións dos programas europeos de cinematografía a prol da diversidade cultural e lingüística, as deficiencias vencelladas á circulación e posta en valor do cinema en linguas non hexemónicas, o que entra tamén en contradición, entre outros documentos, coa Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, apunta a investigadora.
No contexto do Estado español, a política de dobraxe elimina a posibilidade de traballar alén dos pequenos circuítos, prosegue Ledo. No tocante ás axudas institucionais, en Galicia os apoios téñense centrado na produción, pero son "moi poucos" os destinados á promoción e a garantir que haxa lugares de exhibición.
Porén, cómpre valorar o novo apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística ao subtitulado en galego desenvolvido por Numax, a única sala independente de Galicia que programa exclusivamente cine en versión orixinal subtitulada. A colaboración está a ter "un efecto multiplicador", xa que estes subtítulos estanse a incorporar tamén aos DVD que distribúen casas comerciais como Avalon ou La Aventura Audiovisual. Películas como Girldhood (Bande des Filles), de Céline Sciamma; Pasolini, de Abel Ferrara; ou Sangue Malo, de Léos Carax poden mercarse agora en todo o Estado con subtítulos en galego e proximamente sumaranse á lista As vacacións de M. Hulot, de Jacques Tati, así como o DCP para exhibición de Nubes Pasaxeiras, de Aki Kaurismaki. "Hai que entender que este tipo de accións forman parte da política estrutural da lingua e da promoción da lingua arredor do mundo. Estas cintas pasan logo ao mercado e nelas, ademais do inglés, o español, o francés e o italiano, aparece o galego", reflexiona a profesora Ledo.
O proxecto liderado pola académica implica a membros de diferentes universidades do Estado (Santiago, Vigo, Madrid, Málaga, Murcia, Salamanca, Sevilla e País Vasco) e conta coa colaboración de expertos internacionais de prestixio como Jacques Guyot, anfitrión do encontro desde venres, no Centre d'Études sur les Médias, les Technologies et l'Internationalisation da Université Paris 8; Thomas Elsaesser (Universiteit van Amsterdam) Hannu Vanhanen (University of Lapland) e Steve Blandford (University of South Wales).