Autógrafos de Charles Chaplin, Richard Strauss, Sofía Casanova e Sigmund Freud
Xa na antiga Roma existiron libros de autógrafos para rexistrar loanzas aos defuntos, pero coleccións como a de Juana Fernández Pinto teñen un antecedente máis achegado nos libri amicorum humanistas, nos que nobres, intelectuais e diplomáticos dos séculos XVI e XVII recollían as sinaturas e dedicatorias de amizades e visitantes como lembranza da súa relación. O costume de xuntar autores con propósitos conmemorativos, ou como xeito de formar recompilacións exemplificativas, estendeuse no século XIX. Co tempo, estas coleccións foron tomando formas moi diversas, desde os chamados libros de señoritas ou os álbums poéticos ata os libros de visitas ou os libros de velorio que remiten aos da antigüidade.
Juana Fernández Pintos e Xavier Bóveda o día do seu casamento nunha imaxe publicada na revista Céltiga
"Unha característica peculiar dos álbums de autógrafos é que tradicionalmente xorden por iniciativa dun particular que busca crear o testemuño das súas relacións sociais ou mesmo documentar unha colección de persoeiros ilustres e que considera referentes culturais, políticos e sociais. Evidentemente, detrás deste costume tamén está o forte valor simbólico que na nosa cultura se lle dá á letra manuscrita e a capacidade que lle atribuímos para representar a personalidade do seu autor", explica Jacobo Caridad, técnico do Arquivo da Real Academia Galega. As persoas que inician este tipo de colectánea -a miúdo coa axuda que lles brindan amizades que acoden a distintos eventos ou coinciden en calquera ocasión cun persoeiro-, "buscan así documentar e incluso, poderiamos dicir, patrimonializar a súa visión da realidade cultural e social que o rodea, representada pola súa peculiar selección de protagonistas célebres".
Predominio de mulleres coleccionistas
Outro trazo definidor dos álbums de autógrafos é o marcado protagonismo feminino das persoas que emprenderon este tipo de coleccións, como é o caso do álbum de autógrafos de Juana Fernández Pinto. "Este é un feito relevante se temos en conta que as mulleres naquel tempo estaban excluídas da vida pública. Quizais estas coleccións eran en ocasións un xeito de que puidesen achegarse a ese terreo reservado aos homes e achegaren a súa visión propia do mesmo", reflexiona o conservador. En calquera caso, a realidade daquel tempo queda reflectida tamén na minúscula presenza feminina no álbum de autógrafos de Juana Fernández Pinto: das 137 sinaturas, só sete son de mulleres. Ademais das xa citadas Selma Lagerlöf e Sofía Casanova, só hai que sumar as tamén escritoras Concha Espinosa, a poeta uruguaia con raíces galegas Juana de Ubarbourou e a francesa Anna de Noailles, e as actrices Catalina Bárcena e Josefina Blanco.
A listaxe de autógrafos masculinos abrangue perfís e orixes moito máis diversas. Entre outras, figuran as sinaturas do escritor bengalí Rabindranath Tagore, que en 1913 se converteu no primeiro non europeo galardoado co Premio Nobel de Literatura; o autor de O home invisible e A guerra dos mundos, o británico H. G. Wells; o poeta granadino Federico García Lorca e o francés Paul Valéry; o autor austríaco Stefan Sweig ou o galego Antonio Noriega Varela; os músicos Falla, Richard Strauss e Igor Stravinsky; os filósofos Ortega y Gasset e Benedetto Croce; líderes políticos como Winston Churchill e Perón ou os médicos Roberto Nóvoa Santos e Gregorio Marañón.