A imitación da Compañía de Teatro Nacional Irlandés, fundada por W. Buttler Yeats, Lady Gregory e outros dramaturgos do proxecto do Abbey Theatre de Dublín, que crearon unha dramaturxia irlandesa baseándose no que coidaban as verdadeiras esencias da cultura tradicional celta, e tamén a imitación do puxante teatro catalán de inicios do século XX, a Irmandade da Fala da Coruña anunciou en xaneiro do 1919 o nacemento do Conservatorio Nacional da Arte Galega.
Antón Villar Ponte, principal impulsor desta iniciativa escénica, consideraba que o teatro era o medio máis efectivo para facer proselitismo do ideario nacionalista das Irmandades e para prestixiar o uso do galego.
1. O Conservatorio presentouse publicamente no Pavillón Lino da Coruña o 22 de abril do 1919 cun programa que incluía a peza Uma anedota, do portugués Marcelino Mesquita, e A man de Santiña. Farsada en dous pasos, de Cabanillas. Esta obra, con escenografía de Camilo Díaz Baliño e música de Luís Brage, rompía coa tradición ruralista ó situar no escenario personaxes de clase alta galegofalantes. Como sinalou Laura Tato (2016: 15), cumpría crear un teatro de interese para as minorías cultas, «un teatro que gañase o público non por patriotismo senón pola calidade artística, e que ademais atraese tamén a clase media urbana máis colonizada, que de ningunha forma se identificaba co teatro rural».
A maioría das cabeceiras da época valoraron positivamente a obra de Cabanillas, pero foi a primeira vez que se cuestionou a súa técnica literaria. Leandro Carré Alvarellos (1923: 3), manifestaba que o cambadés comezara unha nova tendencia no teatro co emprego da lingua galega en medios cultos. Gababa a linguaxe tan poética, á vez que lamentaba que non houbese máis emoción: «Un anaquiño que afondase a pasión, o drama que se inicia, e a comedia de Cabanillas ocuparía o mais alto lugar na Dramática galega. Noustante, A man de Santiña logrou o éisito que merece».
Segundo Laura Tato (1999: 79), o aspecto máis coidado é a linguaxe con momentos de gran lirismo, sen que falte a disertación política contra o “cunerismo” e a emigración. Salienta que era «a primeira comedia de costumes señoriais contemporáneas. O espectáculo das tres señoritas falando galego mentres se adobían para ir á misa resultaría chocante para o público coruñés».
2. A traxedia O Mariscal, escrita en réxime de colaboración e coautoría por Cabanillas e Antón Villar Ponte, publicouse no 1926. No Arquivo da Real Academia Galega existe un mecanoscrito do 1923, «Primeiro borrador de “O Mariscal”», con dedicatoria de Cabanillas «Para o meu irmán Enrique Peinador Lines». Os autores non dramatizan os feitos históricos, senón que contribúen á fabricación do mito a partir da lenda de Pardo de Cela que, despois da súa decapitación na praza da catedral de Mondoñedo, o pobo converteuno nun mártir pola resistencia de Galicia contra o centralismo dos Reis de Castela. No 1929 estreouse en Vigo a ópera O Mariscal, con libreto de Cabanillas, música de Eduardo Rodríguez-Losada e decorados de Camilo Díaz Baliño.
Pouco despois de publicarse, Critias (1927) (pseudónimo de Eduardo Blanco Amor) consideraba que a obra abría un amplo horizonte para o teatro galego por estar sen explorar a escena romántica. Para os dramaturgos Manuel Lourenzo e Francisco Pillado Mayor (1979: 76-77) trátase da «verdadeira pedra de toque da ideoloxía das Irmandades ̶ nacionalismo romántico» e á vez un clásico teatral, que consideran o Götz von Berlichingen do teatro galego, en alusión á traxedia de Goethe sobre ese cabaleiro alemán tardomedieval.
Francisco Rodríguez Sánchez (1988: 38-29) percibe que ideoloxicamente talvez o maior reparo sexa a impresión que pode deixar en lectores ou potenciais espectadores «que os tres Pedros son mais ben mártires dunha causa cuase relixiosa e sagrada, que dunha causa política»; porén, tecnicamente coida que a presentación das situacións máis dramáticas en visións, soños ou evocacións dos personaxes (Dona Sabela, A Raza, Bolaño) é un intelixente recurso creativo e comunicativo.
Segundo Carlos L. Bernárdez e Manuel F. Vieites (Cabanillas 1996: 37), a peza ofrece unha lectura alternativa á da historiografía oficial e moi crítica coa coroa de Castela, causa da opresión nacional sobre Galicia; e como na dramaturxia do irlandés Yeats, os heroes d’O Mariscal amósanse como exemplo de valor e de martirio. En palabras de Xosé M. Millán Otero (2000: 72), a peza acada unha alta calidade estética na que «á forza tráxica dos propios feitos os autores engaden un sabio control do ritmo dramático na combinación de acción e reflexión, da narración e o lirismo». Considéraa a obra cume do teatro galego de preguerra, mentres que para Iolanda Ogando (2004: 138) «é a obra máis ambiciosa da época e unha das máis conseguidas de toda a literatura dramática galega», onde os autores mostran unha preocupación maior polo coidado dos elementos da escenografía.
Emilio Xosé Ínsua (2005: 220), na súa excelente monografía sobre O Mariscal, sostén que «representa en boa medida o summum da proposta teatral das Irmandades da Fala, por canto apunta á máis alta das cualidades estéticas acompañándoa dunha nítida mensaxe galeguista». Por outra parte, Xosé Luís Méndez Ferrín (2010: IX) salienta que O Mariscal é unha obra «arrebatadora, elocuente, magnífica. Existen nela parlamentos dignos de memorización. Arrebata o ritmo e paira sobre o espectador a sombra terríbel dun final que todos coñecen, igual ca na traxedia grega. O pobo sabe que nos acontecementos que se desenvolven na escena se representa un episodio real, e non mítico, da Historia de Galicia, que ocasionou a súa humillación e a súa dependencia». E engade que se trata dunha obra teatral excelente, «que segue á espera de ser posta en escena coas formas e os conceptos que esixe o século XXI».
O Mariscal nunca se representou, agás na modalidade de teatro de marionetas. Estreouna o Centro Dramático Galego, con dirección de Marcelino de Santiago “Kukas”, en Cambados o 15 de outubro do 1994 no salón de actos do IES Francisco Asorey e, posteriormente, representouse en cidades e vilas galegas. A montaxe desatou certa polémica polos arranxos e supresións textuais da obra, pola extrema sinxeleza escenográfica e pola sensación de frialdade dos diálogos con voces pregravadas.
3. Alento poético e fondura dramática tamén se aprecia noutras obras dramáticas menos coñecidas de Cabanillas, como A ofrenda das fadas no portal de Belén. Retablo de Nadal, estreada en Cambados o 9 de xaneiro do 1944, onde retoma a vella tradición da visita dos pastores que recrea á luz da tradición celta: as fadas -e non os reis de Oriente- son quen se achegan ata o portal para lle ofreceren novos presentes a Xesús. Volveuse representar en Cambados o 9 de xaneiro do 2009 na xornada en que comezaron os actos do Ano Cabanillas 2009 e na que se homenaxearon as mulleres vivas que fixeran de fadas e de anxo na representación do 1944.
Como sinalou Luís Rei (2009: 441), daquela ninguén se molestaría cos parlamentos líricos recitados por unhas mociñas vestidas de fadas, que facían a ofrenda de flores, dun añiño ventureiro, de auga e dun rosario de cunchas e corais; porén, nos versos da raíña das fadas «tecendo con fíos de ouro, / pol-os camiños da groria, / os altos feitos da Historia / y os ensonos do porvir», Cabanillas retorna ó seu nacionalismo risquiano e saudosista. Presenta as fadas de forma moi similar á descrición da “saudade da raza” de anos atrás, pola que a xente de Galicia sentía ansias dun porvir de liberación para a súa Terra.
N’A Virxe do Cristal (1924), libreto para ópera que se cría perdido ata que o editaron Manuel Ferreiro e Goretti Sanmartín Rei (Cabanillas 2002), o autor realizou un esforzo de adaptación co obxectivo de acadar unha tensión dramática, concentrando a acción en momentos simbólicos puntuais da lenda que Curros poetizou nun texto clásico do Rexurdimento literario do século XIX.
No 1926 Cabanillas peregrinou a pé desde Mondariz ó santuario da Franqueira, primeiro acudiu á romaxe das Pascuillas (luns despois de Pentecoste) e logo á festa na honra da Virxe o 8 de setembro, onde viu a representación do romance do mouro e o cristián. Sobre este texto en castelán reelaborou as pezas parateatrais Romance do cristiano e do mouro na Franqueira (1949) e Diálogo do mouro i o cristiano (1974), dúas partes dun único corpo dramático. Esta segunda versión é a que se representa actualmente.
Na obra Macías o Namorado. Poema escénico -prosa e verso- a xeito de guieiro musical, sóbor dunha cantata de Otero Pedrayo (1956), a contribución de Cabanillas redúcese a algúns versos que cantan o coro e os personaxes nalgunhas escenas. Escrita en coautoría con Antonio de Lorenzo e música de Isidro B. Maiztegui Pereiro, estreouse no 1981 en Córdoba (Arxentina). En Galicia só se interpretaron uns números en versión de concerto nos cursos de Música en Compostela do ano 1964.
O pasado 7 de novembro inaugurouse en Cambados unha exposición sobre o teatro de Cabanillas que estará aberta todo o ano 2026, centenario d’O Mariscal. O símbolo da exposición, tirado da cuberta da primeira edición da traxedia, é o debuxo da mariscala, a cadea de ferro forxado coa que, segundo a tradición, prenderon a Pardo de Cela, e que se conserva no Museo Provincial de Lugo. A cadea cingue a cruz de Santiago, símbolo de toda Galicia.
BIBLIOGRAFÍA CITADA
Cabanillas, Ramón (1996). Obra dramática. Edición de Carlos L. Bernárdez e Manuel F. Vieites. Vigo: Xerais.
Cabanillas, Ramón (2002). A Virxe do Cristal. Lenda de Curros Enríquez axeitada para ópera. Introdución, edición e notas de Manuel Ferreiro e Goretti Sanmartín Rei. A Coruña: Biblioteca-Arquivo Teatral “Francisco Pillado Mayor”. Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística.
Carré Alvarellos, Leandro (1923). A moderna orientación do Teatro Galego. A Nosa Terra, 184 (01-05-1923), 1-6.
Critias [Blanco Amor, Eduardo] (1927). O Mariscal. Traxedia histórica en verso, por Ramón Cabanillas e Antón Villar Ponte. Céltiga. Revista gallega. Buenos Aires 49, 10.1.1927 [sen paxinar]
Ínsua López, Emilio Xosé (2005). Sobre O Mariscal de Cabanillas e Villar Ponte. A Coruña: Biblioteca-Arquivo Teatral “Francisco Pillado Mayor”. Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística.
Lourenzo, Manuel e Pillado Mayor, Francisco (1979). O teatro galego. Sada: Eds. do Castro.
Méndez Ferrín, Xosé Luís (2010): Limiar. En Villar Ponte, Antón e Cabanillas, Ramón. O Mariscal. Lenda histórica, traxediada. Introdución de Patricia Carballal Miñán. Facsímile do orixinal mecanografado do 1923 do arquivo da RAG. Fundación Mondariz Balneario, 2010, IX.
Millán Otero, Xosé M. (2000). A obra teatral de Ramón Cabanillas. Unha cala en O Mariscal. En Pontenorga. Revista de Estudios Sociolingüísticos [=Actas das I Xornadas sobre Ramón Cabanillas. Cambados 5-6 novembro 1999], 2, 53-75.
Ogando, Iolanda (2004). Teatro histórico: construción dramática e construción nacional. A Coruña: Biblioteca-Arquivo Teatral “Francisco Pillado Mayor”.
Rei, Luís (2009). Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades. Vigo: Galaxia
Rodríguez Sánchez, Francisco (1988). O Mariscal. Un modelo de redención. En VV.AA.: Ramón Cabanillas. Camiño adiante. Vigo: A Nosa Terra. Col. A Nosa Cultura. Extra 10, 26-39.ANT
Tato Fontaíña, Laura (1999). Historia do teatro galego. Das orixes a 1936. Vigo: A Nosa Terra.
Tato Fontaíña, Laura, ed. (2016). O teatro nas Irmandades da Fala. Introdución, edición e notas de Laura Tato Fontaíña. [A Coruña]: Real Academia Galega.


