Tres veciñas de Lugo, Moaña e Ordes gañan os premios do III Certame de relato breve A Erbeda

A académica Fina Casalderrey participou este mediodía na entrega dos premios do III Certame de relato breve A Erbeda, convocados pola asociación Os Nosos Lares de Palavea coa colaboración da propia RAG, do Concello da Coruña e das librarías Moito Conto, Xiada e Formatos. Na modalidade de persoas adultas, a premiada foi Alma Sánchez Núñez (1986), veciña de Lugo, cun relato que arrinca na Coruña de comezos do século XX titulado “A flor amarela”. Na categoría xuvenil o galardón foi para Aroa Currás García (2009), estudante de segundo da ESO do IES As Barxas de Moaña, por “A caixa”; e na infantil o xurado premiou “O paxaro máxico”, un conto de Sabela García Santos (2012), alumna do CEIP Castelao de Ordes, que foi tamén a gañadora nesta mesma categoría na edición de 2022.

1/11

Fina Casalderrey, Juan Ignacio Borrego, primeiro tenente de alcaldesa da Coruña; José Manuel Pampín, coordinador do club de lectura municipal Gándaras de Melide, e Ana Santomé, en representación do xurado; e Álvaro Benedicto Pérez Sancho, vicepresidente dos Nosos Lares, foron os encargados de facer entrega dos galardóns nun acto celebrado na Fundación Luis Seoane. “Vós facedes maxia coas palabras”, díxolles a escritora e académica ás gañadoras e aos demais mozos e mozas presentes no acto que comparten a afección da escritura. Juan Ignacio Borrego agradeceu, pola súa banda, iniciativas coma este certame que, dixo, contribúen a "facer sociedade" e animou a mocidade a escribir, publiquen ou non os seus textos. José Manuel Pampín estendeu o convite á lectura, "unha fonte de riqueza que permite entrar en mundos fantásticos".

O certame de relato breve que convoca Os Nosos Lares é unha iniciativa que recupera o topónimo literario que Emilia Pardo Bazán lle deu ao barrio coruñés de Palavea, A Erbeda, e coa que se lle rende tamén homenaxe a unha escritora que sobresaíu como novelista e articulista mais tamén como autora de relatos curtos. A Real Academia Galega, responsable da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán e da custodia do arquivo e da biblioteca da narradora, apoia esta iniciativa dende a primeira edición, que se convocou cadrando co centenario do seu pasamento.

“O meu relato é un cadáver exquisito das mulleres da miña familia, que tamén son grandes oradoras”, explica Alma Sánchez Núñez -que non puido asistir á entrega por motivos laborais- no texto que leu no seu nome Ana Santomé. Tradutora e docente de profesión, a gañadora do premio da categoría de persoas adultas concorreu cun conto que arrinca nos lavadoiros da Coruña de comezos do século XX e continúa no mundo das redes sociais do século XXI, e que constitúe unha homenaxe non só ás mulleres da súa familia, senón tamén a todas aquelas mulleres afoutas transmisoras da cultura popular e abertas asemade ás innovacións do mundo tecnolóxico.

Aroa Currás García foi premiada por “A caixa”, un texto cun sorprendente dominio das técnicas do relato curto. A alumna do instituto moañés acudiu acompañada da súa profesora Iria Collazo e dos compañeiros e compañeiras do obradoiro de escritura que organiza a docente. Sabela García Santos recolleu o seu galardón por “O paxaro máxico”, a aventura de dous vellos amigos dende a infancia á procura dunha ave especial polas fragas do Eume, entre outros lugares. Con el volveu cativar o xurado por segundo ano consecutivo. En 2022 xa se fixo co premio infantil por “Encerradas no castelo”, unha historia protagonizada por tres nenas.