Cartel do Simposio Manuel María. Fotomontaxe realizada coa máquina de escribir do escritor, que se conserva na súa casa-museo, en Outeiro de Rei.
A poesía será a protagonista da xornada inaugural do Simposio de Manuel María, organizado coa colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Xunta de Galicia. Darío Xohán Cabana pronunciará a conferencia de apertura, centrada nos primeiros libros de poemas do escritor chairego. Como indica o título, De Muiñeiro de brétemas a Advento: unha progresión fulgurante, deterase na poesía de Manuel María quizais menos coñecida, a que escribiu sendo máis novo, cando con só 19 anos saíu do prelo o seu primeiro libro de poemas, Muiñeiro de brétemas (1950, colección Benito Soto). O académico non oculta a súa predilección por Advento, escrito en 1951 e publicado por primeira vez polo Centro Galego de Buenos Aires tras gañar o Premio Castelao de Poesía en 1952.
Sobre o primeiro Manuel María falará tamén Rosalía Fernández Rial na intervención Travesía até Mar Maior: contexto literario e biográfico do primeiro Manuel María, que percorrerá os sete libros de poemas principais que este publicou ata os primeiros anos sesenta, o último deles Mar Maior (1963). A poeta sentará na mesa de debate moderada por Mercedes Queixas na que tamén participarán Marta Dacosta e Manuel López Foxo. Este último será o encargado de profundar noutro momento vital do homenaxeado co relatorio A poesía última de Manuel María. Os libros que abren o seu canto final, partindo da súa produción durante os anos setenta do século pasado. Pola súa banda, Dacosta achegará Fixando a emoción, título que colle prestado o seu nome dun verso dun poema do escritor chairego para referirse a unha das cuestións esenciais no seu proceso de creación.
Un recital poético pechará a primeira xornada poñéndolles aos versos de Manuel María as voces de Marica Campo, Marta Dacosta, Rosalía Fernández Rial, Xulio López Valcárcel e Cesáreo Sánchez Iglesias.
Xornada do día 23
O mércores 23 será o momento de afondar, entre outros aspectos, na narrativa e no teatro. Camilo Gómez Torres, autor dunha completa tese sobre Manuel María, ofrecerá unha conferencia sobre a súas biografía e creación a partir das 16.30 horas. Deseguido, o secretario da RAG, Henrique Monteagudo, moderará unha mesa redonda na que Mercedes Queixas, autora dunha das biografías do escritor, abordará a súa obra narrativa; a profesora da Universidade da Coruña Carmen Fernández-Pérez Sanjulián presentará Andando a terra ou a construción dun espazo simbólico; e o tamén profesor da Universidade da Coruña Xosé Ramón Freixeiro Mato falará sobre a lingua galega na vida, na obra e no pensamento de Manuel María, unha tripla vertente na que sempre se implicou na dignificación e normalización do idioma propio.
A segunda xornada continuará con tres relatorios a cargo de Henrique Rabuñal, Montse Pena e Xurxo Souto. Rabuñal achegará A historia inserida no teatro de Manuel María, no que, tras un resumo da produción dramática do escritor entre 1957 e 2003, ofrecerá unha análise das obras Unha vez foi o trebón, Abril de lume e ferro e A lúa vai encoberta. Montse Pena comentará a importancia da obra de Manuel María para a construción dunha educación literaria en galego e Xurxo Souto, a súa relación coa música galega, que tomou prestados como letra moitos dos seus poemas tanto para adultos como para o público infantil.
Xornada do xoves 24
Cantados ou lidos, os libros de Manuel María contribuíron á normalización do idioma nas escolas durante os anos 70 cando unha serie de cambios normativos permitiron a entrada do galego no ensino. Nesta etapa deterase na xornada do día 24 a académica Fina Casalderrey, que explicará a súa propia experiencia como mestra naquel momento. Será na quenda de relatorios na o poeta e xornalista Antón Lopo tamén tirará de experiencia propia para rememorar a importancia que tivo como foco de difusión cultural a libraría Xistral, o establecemento que Manuel María e a súa dona Saleta Goy abriron en Monforte de Lemos en 1970. Pola súa banda, Xosé Lois García percorrerá as paisaxes identitarias na literatura do homenaxeado, tan importantes en obras como Terra Chá ou Sonetos á Casa de Hortas, dedicada á súa casa natal de Outeiro de Rei, hoxe sede da fundación que leva o seu nome.
Previamente, Xosé Estévez, Carlos Quiroga e Pilar García Negro compartirán a mesa de debate sobre poética e política, moderada pola académica Margarita Ledo. Estévez, profesor da Universidade de Deusto, profundará no contacto con Euskal Herria de Manuel María, quen mantivo unha excelente relación con moitos persoeiros da cultura vasca, entre eles Gabriel Aresti Segurola. Carlos Quiroga, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, analizará a conexión que mantivo con Portugal e Pilar García Negro achegará A intervención pública de Manuel María: unha revisión.
O Simposio Manuel María rematará o xoves 24 coa proxección, a partir das 19.30 horas, do documental Eu son fala e terra desta miña terra, unha biografía audiovisual do poeta que asina Margarita Ledo.
Pode descargar o programa do Simposio Manuel María nesta ligazón.