Toponimízate busca o 6 de outubro en Cervantes e Baralla colaboradores para Galicia Nomeada

Cervantes e Baralla acollen este luns, 6 de outubro, dúas novas sesións nas que o público aprenderá como colaborar na recolla de nomes propios de montes, leiras, soutos, camiños e outros microtopónimos empregando a aplicación colaborativa Galicia Nomeada. A primeira cita do día da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra será no CPI de Cervantes ás 12 horas. O coordinador técnico do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, Vicente Feijoo, ofrecerá unha segunda sesión no Centro Sociocultural de Baralla a partir das 19 horas.

O alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, acompañado do tenente de alcalde, Miguel González Vilela, e mais o director do colexio, Pablo Gómez Esqueira, presentarán o relatorio que a RAG, no marco da campaña que leva a cabo da man da Secretaría Xeral da Lingua, ofrecerá ao alumnado, familias e veciñanza deste concello. A sesión en Baralla será presentada tamén polo alcalde destoutro municipio lugués, Miguel González Piñeiro.

Alén de explicar o funcionamento da plataforma Galicia Nomeada, que permite rexistra e xeolocalizar microtopónimos de toda Galicia, Vicente Feijoo tamén abordará nas sesións a orixe e significado de nomes das parroquias e aldeas de ambos os concellos. No caso de Cervo exporá, entre outros detalles, algunhas etimoloxías populares, unha das cales provocou Cervantes teña no escudo varios cervos, aínda que o seu nome nada teña que ver con este animal.

Entre os nomes nos que se afondará na sesión de Baralla, coa colaboración do académico Gonzalo Navaza, ademais de topónimos transparentes como Pedrafita de Camporredondo, Piñeira ou Covas, Vicente Feijoo falará de topónimos únicos e enigmáticos, como o propio nome do concello, Baralla, que espertou a curiosidade autores como Menéndez Pidal, Rivas Quintas ou Nicandro Ares, sen que se chegase a un acordo sobre a súa orixe.