Talla procedente do mosteiro de Sobrado dos Monxes

Talla en madeira dun apóstolo procedente de Sobrado dos Monxes
Talla dun apóstolo procedente de Sobrado dos Monxes


No Boletín da Real Academia Galega (n.º 141, tomo XII, ano 1921) faise referencia á doazón que fixo don Manuel Losada á colección artística da Real Academia Galega. Tal doazón consiste en dúas tallas pertencentes ao retablo do altar maior da abadía cisterciense de Santa María de Sobrado. No mesmo texto dise que foron recollidas nunha palleira da aldea de Sobrado, onde permaneceron abandonadas durante máis de sesenta anos.

Unha delas representa un santo apóstolo, mentres que a outra, de menor calidade artística, representa algún santo da orde beneditina.

A súa factura débese aos mestres Xosé Gambino e Xosé Ferreiro. O primeiro, nado en 1719 no Faramello, concello de Rois, e finado en 1775 en Santiago de Compostela, foi o máximo expoñente da escultura rococó en Galicia; mentres que o segundo, que naceu en 1738 en Noia e faleceu en 1830 en Hermisende, Zamora, é considerado o introdutor do neoclasicismo escultórico en Galicia.

Pese a que cada un deles é catalogado como o mellor representante do seu estilo, non é nada doado saber quen fixo cada unha das tallas de Sobrado. Isto é debido a que foron realizadas nun período de transición estilística, a que Ferreiro era discípulo de Gambino, ademais do seu xenro, e a que traballaban xuntos no mesmo obradoiro, o que fai moi posible que unha mesma peza pasase polas mans dos dous mestres. Así mesmo, pódese afirmar, sen medo a trabucarse, que había unha influencia mutua entre os dous grandes artistas, o cal daba lugar a unha simbiose artística en que Gambino poñía o nome e a experiencia, e Ferreiro as ansias por explorar novas solucións estéticas.

Os dous grandes escultores, ademais destas dúas tallas, realizaron outras 34 figuras máis, por mandato do abade Narciso de la Mata, quen en 1768 derrubou o testeiro da capela maior e ergueu outro novo, coa intención de dotar de maior espazo e de mellor apoio o colosal proxecto do novo retablo.

Segundo conta Antonio López Ferreiro na súa obra O Castelo de Pambre , o gran retablo, hoxe desaparecido, dividíase en tres corpos contando co gran frontispicio que o coroaba. As columnas do primeiro corpo tiñan tal diámetro que no seu interior albergaban unhas escaleiras que daban acceso ao segundo andar. Os pés que sostiñan as columnas estaban decorados con relevos. No fondo dos intercolumnios aparecían esculpidas, tamén en relevo, escenas da conquista do Novo Mundo. De todos modos, seguramente o máis espectacular deste primeiro andar do retablo fose un pequeno templo xiratorio.

Sobre o entaboamento que separaba o primeiro corpo do segundo estaban as doce estatuas de tamaño natural dos apóstolos escoltando a Virxe na súa Asunción, motivo principal do gran retablo e tema recorrente nas igrexas do Císter, mentres era elevada ao ceo no seu trono de nubes, anxos e serafíns. A escena estaba situada no centro do segundo corpo, onde se abría un gran van, ao fondo do cal había unha gran fiestra de vidros de cores, dotando o conxunto dunha escenografía celestial.

No entaboamento do segundo corpo había outras estatuas que representaban santos da orde cisterciense.

O día en que se estreou esta grande obra do último barroco galego foi o 20 de agosto de 1771.

Arredor da década dos anos 40 do século XIX, coa desamortización, produciuse o espolio do retablo maior. En 1921, Angel del Castillo localizou moitas das figuras que o compoñían, as cales andaban esparexidas por toda a xeografía galega: un dos patriarcas da orde, o san Bieito, na igrexa parroquial de Ordes; dous apóstolos na igrexa parroquial de Carelle ( Sobrado), hoxe desaparecidos; o altar de san Xoán Nepomuceno na igrexa de Santa Baia de Curtis; varias imaxes na igrexa de Pousada, aínda que non especifica cantas nin fai descrición delas, e tampouco di o nome do concello ao que pertence Pousada, o cal leva a confusións, xa que hai, polo menos, dous lugares con ese nome, un no concello de Brión e outro en Baleira. Santiago de Compostela tamén foi o destino de múltiples pezas, como unha santa Escolástica e outras esculturas na capela de san Pedro, a Asunción e posiblemente algunha imaxe máis no convento de Belvís.

Aínda que ignoramos se tras un século as pezas seguen estando nos lugares mencionados, exceptuando as desaparecidas dos santos de Carelle, o que si sabemos é que hai catro relevos do pedestal das columnas nunha colección privada e un quinto relevo no Museo de Pontevedra. Tamén podemos encontrar un apóstolo no Museo Provincial de Belas Artes da Coruña.

Mais do resto das pezas que compoñían esta grande obra descoñécese o seu destino. Emporiso, Manuel Murguía dixo na súa obra El Arte en Santiago (1884) que frei Rosendo Salvado, bispo de Porto Vitoria, en Australia, levou algunhas figuras a terras austrais, e que posiblemente formen parte da colección artística do mosteiro de New Norcia, preto de Perth, na costa occidental de Australia, mosteiro que foi fundado polo crego tudense.