Xela Arias
Segundo a crítica, a poesía de Xela Arias (Lugo, 1962-Vigo, 2003) "expresa, en clave intimista, os desacougos da vida cotiá nun evidente ton melancólico e desesperanzado no que destaca unha fonda e reflexiva procura do eu conxugándoo coa expresión do erotismo". (Dicionario da literatura galega. I: Galaxia, 1995).
SÓ PODE SER
É que tamén podería ser que eu non o amase,
como podería non chover máis ou non vir
homes á miña casa.
Podería o po xa non deitarse no cóbado dos meus estantes,
e os meus discos de súpeto rolar rúa abaixo
nun frenético despido.
Poderían os nosos nomes destruírse,
e nós morrer coma estatuas no máis fondo abrazo.
Pero os meus dedos fóndense na area firme
e raian signos
só idiomas que araño e non che descifro.
Así que o desexo que de ti teña en min está porque si acendido.
Poema tirado do libro Tigres coma cabalos (Xerais, 1990).