O programa contou tamén coas achegas de Ramón Nicolás, Débora Álvarez Moldes, Concepción Álvarez Pousa e Xesús Alonso Montero arredor de distintos aspectos da vida e da obra do autor valdeorrés e concluíu coa presentación do libro Co anceio de volver. Conversas con Florencio Delgado e Celia Teijeiro, unha edición da RAG ao coidado de Ricardo Gurriarán.
O Simposio Florencio Delgado Gurriarán arrincou onte e continuará o xoves 10 de novembro no salón de actos da Real Academia Galega con especialistas de distintos eidos que están a profundar en diversos aspectos da traxectoria do poeta e activista cultural valdeorrés, unha das figuras destacadas do exilio galeguista en México. A entrada é libre e todas as intervencións poderán seguirse en directo desde academia.gal.
O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, inauguraron o encontro, que se desenvolve co apoio económico da Xunta de Galicia. Xesús Alonso Montero interveu deseguido cun relatorio sobre a poesía sociolingüística do homenaxeado e outros poetas do seu tempo.
A correspondencia do autor con Rodolfo Prada, destacado galeguista da diáspora na Arxentina, foi outro dos focos de atención da primeira xornada. Ramón Nicolás analizou unha serie de cartas escritas entre febreiro e abril de 1939, unha etapa na que o poeta valdeorrés desenvolveu labores de responsabilidade política e humanitaria en Barcelona e París para facilitar a fuxida dos refuxiados galegos cara a América co apoio da emigración galega á outra beira do Atlántico. O académico correspondente detívose ademais na súa correspondencia con Ramón Otero Pedrayo, tamén conservada na Fundación Penzol.
Un fito na historia da tradución galega
No apartado arquivístico, Xosé Manuel Dasilva presentou ademais como primicia a documentación exhumada recentemente do informe de censura sobre o poemario Galicia infinda (Galaxia, 1963), o único que Florencio Delgado Gurriarán publicou en Galicia durante o franquismo. O documento demostra que o libro non sufriu modificacións. O investigador presentou este achado tras un percorrido polas traducións de Delgado Gurriarán, entre as que destacan as recollidas na escolma Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (Buenos Aires, 1949), na que o autor valdeorrés participou xunto a Plácido Castro e Lois Tobío vertendo ao galego poemas en francés como “Volta da primavera” de Philippe Chabaneix, e “Choiva” de Paul Verlaine. “Este volume constitúe un verdadeiro fito na historia da tradución galega por se tratar do primeiro tomo de versións á nosa lingua que viu a luz despois da guerra civil”, salienta Xosé Manuel Dasilva.
Delgado Gurriarán, Tobío e Castro foran os gañadores dun concurso convocado pola Federación de Sociedades Galegas da Arxentina, patrocinadora da edición, pero o poeta valdeorrés era o único sen experiencia como tradutor. Non obstante, estaba moi familiarizado co francés polos seus avatares biográficos durante a guerra civil e, se cadra, a partir desa experiencia desenvolveu unha querenza especial polos poetas franceses, suxire o filólogo.
Desde o francés tamén traduciría por primeira vez ao galego “O cemiterio mariño”, de Paul Valéry, publicado no xornal arxentino Opinión Gallega en 1952 e anos despois difundido na revista Grial, prosegue Xosé Manuel Dasilva. O relator tamén examinará a paráfrase titulada “O barco bébedo”, de Arthur Rimbaud, inserida a finais da década dos 60 nas páxinas da revista Vieiros, a publicación da diáspora galeguista en México da que Delgado Gurriarán foi un dos impulsores.
As fontes léxicas da lírica de Florencio
A filóloga Concepción Álvarez Pousa realizou pola súa banda unha análise das fontes léxicas na poesía do homenaxeado. “O seu galego literario é a lingua viva do pobo, o da xente de Valdeorras, que se reflicte especialmente no plano léxico e que ademais está caracterizado por arcaísmos, hipergaleguismos e lusismos, cunha clara depuración de castelanismos, dado o afán por crear un modelo diferencialista na escrita”, resume. “Así mesmo, é reforzado pola tradición literaria a carón da modernidade dos estranxeirismos e a orixinalidade do náhuatl nese irmandamento especial entre a cultura galega e a mexicana que, desde o exilio, realiza o poeta valdeorrés. Compleméntase, á súa vez, coa incorporación de cultismos e a derivación mediante sufixación e a composición como procedementos principais de formación de palabras”.
Débora Álvarez Moldes analizou a paisaxe na poesía de Florencio Delgado Gurriarán, que retrata as terras de Valdeorras con especial intensidade desde o exilio mexicano. “Nos textos que escribe alén mar, no exilio, fala dunha paisaxe e dun lugar que recorda, que non ten presente. E cambia de forma notoria a escrita, parece que nos amosa cadros cunha descrición máis demorada, con moitísimos máis adxectivos, máis afastada das vangardas, pero que aínda así segue a amosar sempre sensacións moi evocadoras. E ademais esta forma de seguir a narrar desde o exilio a paisaxe de Valdeorras vaina completar coas personaxes que quere recordar: dalgunha maneira os seus veciños tamén forman parte desta paisaxe que recorda en Galicia infinda e Cantarenas”, detalla.
Peche coa música galega do 39 no exilio mexicano
O programa do xoves 10 de novembro arrincará cun relatorio sobre a biografía de Delgado Gurriarán (17:00 horas). A mesa redonda, moderada polo director da Sección de Historia da RAG, Ramón Villares, reunirá o profesor de Filosofía Xosé Luís Pastoriza, que abordará a etapa vital da guerra civil e do primeiro exilio do autor; a historiadora Pilar Cagiao, que falará do México ao que chegou Florencio no ano 1939; e Samuel Diz, que tenderá pontes entre Delgado Gurriarán e o violinista ferrolán Xesús Dopico, o primeiro presidente do Padroado da Cultura Galega en México, que chegou tamén á outra beira do Atlántico á bordo do Ipanema.
Tras o coloquio, Samuel Diz na guitarra clásica, acompañado da voz de Belén Vaquero, pechará o simposio cunha actuación musical que incluirá composicións do lugués Xesús Bal y Gay e de María Teresa Prieto, Rodolfo Halffter e Gustavo Durán –tamén exiliados en México– para poemas galegos.