Sestercio de Nerva

Carta e cruz do sestercio conservado na Academia
Cara e cruz do sestercio conservado na Academia


Esta moeda é denominada vulgarmente ‘sestercio de tipo palmeira' pola representación desta árbore no reverso, motivo numismático que representa a Fenicia, e que tamén aparece en moedas da época de Vespasiano e Tito, nestes casos facendo alusión á represión da sublevación na provincia de Xudea durante o período do reinado da dinastía Flavio. No anverso aparece o busto laureado do emperador Nerva mirando á dereita e tamén a inscrición imp. NERVA CAES. Aug.p.m.t.r.p IMPerator NERVA CAESar Augustus pontifex maximo tribunicia potestate (as minúsculas representan a parte ilexible), cuxa tradución podería ser: Emperador Nerva César Augusto Pontífice Máximo e Tribuno da Plebe.

No reverso, ademais da palma, pódense apreciar as iniciais S C, Senatus Consulto, que significa que a moeda foi autorizada polo senado; pois coa chegada do Imperio a cuñaxe en ouro e prata reservouse para o propio emperador, mentres que as de cobre e oricalco, aliaxe de cobre, zinc e chumbo, eran da competencia do senado. Neste caso concreto, a moeda é de oricalco.

Tamén é no reverso onde aparece a inscrición máis interesante da moeda, FISCI IVDACI CALLVMNIA SVBLATA, aínda que totalmente ilexible, que significa a abolición da persecución maliciosa do ‘Fiscus Iudaicus'.

O ‘Fiscus Iudaicus' era unha disposición imperial de carácter impositivo instituída para o cobro dunha taxa anual ao pobo xudeu ao longo de todo o Imperio Romano. A taxa , xunto con todo o aparato burocrático necesario para o seu cobro, foi creada polo emperador Vespasiano como represalia contra os xudeus, tras a Primeira Revolta Xudía contra o Imperio, entre os anos 66-73 d.C. Concretando máis, foi instaurada tras a destrución do Templo de Xerusalén polas lexións de Tito no ano 70. O imposto afectaba a todos os xudeus do Imperio, mulleres e nenos incluídos, non só aos rebeldes a Roma, e substituía a taxa que pagaban relixiosamente os fieis xudeus no Templo de Xerusalén, seguindo os preceptos definidos no capitulo 30 do Éxodo. Non obstante, os que abandonasen o xudaísmo estaban exentos de pagar o imposto.

Deste xeito, os ingresos que antes eran destinados ao mantemento do Templo de Xerusalén foron empregados para a construción do Templo de Xúpiter en Roma.

O emperador Domiciano ampliou o cobro do ‘fiscus iudaicus', e xa non só afectaba aos nados xudeus, senón tamén aos que se comportaban como tales adoptando os seus costumes e crenzas. Esta severidade presentouse como un castigo ao aumento do proselitismo do xudaísmo en Roma, incluíndo o cristianismo, que era entendido como unha secta máis dentro do xudaísmo e nunca como unha relixión independente.

Con esta decisión Domiciano abriu a espita de falsas acusacións e chantaxes, que afectaban a importantes familias romanas en todo o Imperio. A dicir verdade, tratábase dunha ferramenta ao servizo do poder imperial para someter a vontade de membros senlleiros da sociedade romana que non estaban de acordo coa maneira desapiadada de gobernar o Imperio de Domiciano. Mais estes preitos foron resoltos co asasinato do propio Domiciano, no ano 96, e co nomeamento dun moderado Nerva como emperador por parte do senado.

Unha das primeiras decisións que tomou Nerva foi a de aplicar o ‘fiscus iudaicus' só aos que practicaban abertamente a relixión xudía, escapando así do seu pagamento todos aqueles cidadáns romanos acusados de comportamentos "filoxudeus".

Por tanto, esta moeda conmemora unha reestruturación fiscal en que o Imperio renuncia ao cobro dunha débeda ilexítima e busca unha paz social, inexistente no período dos Flavios.

Esta é unha peza que se considera bastante rara, debido a que é unha cuñaxe especial dun emperador que apenas estivo dous anos no poder.

A moeda doouna en 1956 don Manuel Figueirido Feal, membro correspondente da Real Academia Galega. Sabemos que foi encontrada nun dragado da ría de Ferrol , pero, lamentablemente, ignoramos cando se produciu o achado e en que parte da ría apareceu exactamente.

Cara e cruz da moeda orixinal.
Debuxo da cara e da cruz da moeda orixinal