Sesión de tarde do Simposio Díaz Castro

A recepción crítica de Nimbos, o seu contido relixioso e o carácter contraditorio de dous seus poemas foron algúns dos temas tratados na segunda parte do Simposio.
Xosé Manuel Salgado
Xosé Manuel Salgado


O profesor e crítico Xosé Manuel Salgado foi o encargado de principiar a sesión de tarde do Simposio cunha análise do concepto de xeración, que el concibe, non como un grupo estanco de autores e autoras dotado dunha gran homoxeneidade interna, senón máis ben como un vaso comunicante que agrupa autores que reciben influencias dos que escribiron antes e despois, que evoluciona no tempo e mantén máis dun discurso.

Neste sentido, Salgado puxo en relación a saída de Nimbos, que definiu como poesía existencial, no 61, coa aparición anos antes do Grupo Brais Pinto e a súa aposta existencialista: "Galaxia pretende silenciar con Nimbos a poesía existencialista que facían os de Brais Pinto", concluíu Salgado, quen rematou a súa intervención sinalando que a maduración poética de Díaz Castro nos 80 maniféstase na súa vontade de ser recoñecido como un poeta integramente galego.

María Xesús Nogueira
María Xesús Nogueira


A profesora e crítica María Xesús Nogueira centrou o seu discurso na revisión da recepción crítica de Nimbos. Segundo a profesora Nogueira, os comentarios eloxiosos da obra por parte de Otero Pedrayo, Álvarez Blázquez, Ánxel Fole, Ramón Lugrís e Ricardo Carballo Calero permiten cualificar a recepción do libro no momento da súa saída como entusiasta. Logo duns anos de relativo esquezo, a figura de Díaz Castro volvería ser reclamada con forza nos anos 80, cando aparece toda unha xeración poética de signo clasicista que o reivindica entre os seus mestres, Méndez Ferrín o sitúa no centro do canon da poesía galega do século XX en De Pondal a Novoneyra e a Asociación Xermolos lle tributa unha homenaxe en 1987. María Xesús Nogueira rematou a súa intervención referíndose á fecundidade das interpretacións do poema "Penélope", unha composición coa que establecería un diálogo a escrita de Xohana Torres e, a partir dela, outras poetas máis novas.

Engracia Vidal, Andrés Torres Queiruga, Victorino Pérez Preto e Afonso Blanco
Engracia Vidal, Andrés Torres Queiruga, Victorino Pérez Preto e Afonso Blanco


A seguir, deu comezo un coloquio moderado polo vicesecretario da Academia, Andrés Torres Queiruga, no que Victorino Pérez Prieto, Engracia Vidal Estévez e Afonso Blanco Torrado examinaron a transcendencia e relixiosidade na poesía de Díaz Castro. En palabras do teólogo Victorino Pérez Prieto, Díaz Castro, a quen situou no ronsel de San Juan de la Cruz, foi "o vate que acadou a máis alta expresión práctica da fe relixiosa en galego", capaz de superar a dualidade entre o mundo material e o espiritual, e que concibiu a experiencia relixiosa como unha necesidade de comprender e amar "o que o leva a querer construír un mundo no que a xustiza sexa accesible a todos". En palabras de Pérez Prieto, "Díaz Castro concibía a experiencia relixiosa como unha relación co misterio do amor que todo o une na que Deus é enxergado como un mar de luz".

O relixioso Afonso Blanco Torrado debuxou na súa quenda un retrato persoal do poeta de Guitiriz, a quen describiu como un home comunicativo e preocupado polo contacto coas xeracións máis novas. "A pesar de ter vivido moito tempo na cidade, Díaz Castro foi un poeta marcado pola súa vivencia do rural", engadiu Afonso Blanco, quen rematou a súa interención salientando o fondo vencello que o unía coa súa terra natal e as formas de expresión da relixiosidade máis populares.

A profesora, teóloga e fundadora da revista Encrucilada, Engracia Vidal, deu comezo á súa exposición lamentando a ausencia dun tratamento da cuestión da igualdade entre os xéneros na obra de Díaz Castro, unha pexa característica dos homes do seu tempo. Secasí, en palabras de Engracia Vidal, Díaz Castro foi un poeta dotado dunha gran sensibilidade, alleo ao cristianismo tradicional e que concibía o feito relixioso como un acto de solidariedade co resto da humanidade. "El foi quen de transmitirnos nos seus poemas a vivencia da transcendencia", concluíu.

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero


O presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, foi o encargado de pórlle o ramo ao Simposio cunha conferencia sobre dous poemas de Díaz Castro: "Poema no combate" e o "Himno ao socialismo", escrito, este último, en francés. En palabras de Alonso Montero, Díaz Castro foi un home marcado pola experiencia do 36, "foi alguén que se viu obrigado, como moitos da súa xeración, a vestir o traxe de militar, el que probablemente era pacifista, e como moitos outros da súa xeración, non nos deixou memoria escrita dese acontecemento, da guerra". Alonso Montero fixo referencia, así mesmo, ao traballo de Díaz Castro no Ministerio de Gobernación a partir de 1947, e manifestou a súa estrañeza polo feito de que se mantivera sempre afastado dos faladoiros galeguistas que tiñan lugar no café Lion D´Or madrileño naquela altura, que frecuentaban, entre outros, Ben Cho Sey e Cabanillas. O presidente da Academia rematou a súa alocución salientando a dificultade de atribuírlle ao mesmo autor unha peza apoloxética do franquismo como o "Poema no combate", e o "Himno a socialismo", escrito en francés e que Alonso Montero explica pola influencia que sobre Díaz Castro puido ter Carlos Lessner, sobriño de Marx fincado en Vilagarcía de Arousa cando o poeta de Guitiriz era profesor no colexio Leon XII.