Víctor F. Freixanes lembrou a vinculación coa RAG de Xosé Neira Vilas (1928-2015), membro de número da institución e "exemplo de lealdade ao país e ao noso idioma, exemplo de traballo incansable e exemplo de solidariedade e cariño". Autores coma el "permanecen alén das modas e os tempos, algo que só sucede cos clásicos. Cando chegado o momento celebremos o seu Día das Letras Galegas será unha celebración apoteótica", declarou.
A celebración dos sesenta anos de Memorias dun neno labrego tivo lugar no auditorio que leva o nome de Xosé Neira Vilas, na Cidade da Cultura. O presidente da RAG participou no acto canda o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o presidente da Fundación Neira Vilas, Fernando Redondo; o presidente da editorial Galaxia, Antón Vidal; os músicos Manoele de Felisa e Roi Casal, o actor Cándido Pazó e Belén Xestal como mantedora.
Memorias dun neno labrego editouse por primeira vez en Buenos Aires, onde Neira Vilas descubriu "a personalidade histórica e o signo diferencial do noso país" e onde abrollou a súa latente vocación literaria, lembraba el mesmo no seu discurso de ingreso na Academia, dedicado precisamente á cultura galega en Buenos Aires entre os anos 50 e 60. Alí naceu a historia de Balbino, publicado por primeira vez pola editorial Follas Novas. O selo fora creado en 1957 polo propio Neira Vilas e a súa dona, Anisia Miranda, co propósito de difundir, desde a diáspora, o libro galego. Pero o grande éxito da obra arrincou en 1968, cando Ediciós do Castro publicou en Sada a segunda edición, ilustrada por Isaac Díaz Pardo.
En só vinte anos, editaríase unha ducia de veces, sen contar as versións en castelán e en portugués que xa existían del a comezos dos anos 80. Sesenta anos anos despois, a obra, dedicada "a todos os nenos que falan galego", pode lerse nunha morea de idiomas, desde o catalán, o inglés, o alemán, o ruso, o francés, o checo e o italiano ata o chinés. En 2020 foi un dos dez libros máis vendidos pola Editorial Galaxia.