Tribuna

Senza tradire

El ía falar sobre A arte de anosar a Divina Comedia, e co Paco F. Rei acordaramos vernos na conferencia inaugural do ciclo 700 anos con Dante Alighieri na Facultade de Filoloxía da USC o día 10 de xuño onde, para alén de escoitar ao tradutor de requinte, de partillar a súa visión crítica das diferentes versións de Dante a outras linguas, de deleitarnos coa folla voandeira que nos agasalla coas “41 maneiras de empezar unha tradución en verso”, asinamos pola segunda vez -a primeira fora en 2013- a candidatura do Fiz para as Letras Galegas. Cuestión de gardar o sitio se non canta o cuco este ano, dixo. 

Porque para que as cousas acontezan, para que o vento da historia vire a favor, a súa actitude canda a súa escrita emancipatoria incorporan a esperanza na razón práctica. Faino mesmo naqués poemas máis incidentais, aqués que na cerna gardan a dor do motivo orixinario (Castelao, Reboiras, a morte de Ricardo, o seu pai), esperanza que devala no libro primeiro, Verbas a un irmao: .../... Qué importa, irmao, que morra a pomba / Se deixa os seus pombiños a voar?

Faino dende o seu orgullo de clase, familia de campesiños pobres e republicanos da Chaira; faino dende a sabedoría dunha xinea libre; faino dende a fisicidade e o abraio da árbore que dá mazás de inverno en primavera; faino en que procura a boa forma na composición que move entre os dedos coma unha doa, faino na harmonía. 

Faino o adolescente que por entre as sombras uníase con aqués que foran deixando como consigna “ábrelle as portas ao día”; o militante que ensaia o persoal no político canda a poesía da existencia; o escritor que alenta á volta da palabra xusta para dar co tempus de cada obra, co verso que suspende a condición que habitas.

Faino o amigo que labra ese fino sarcasmo mentres alerta da responsabilidade que o traballo intelectual esixe nunha situación subalterna coma a da lingua galega. É o Darío que recoñezo enteiro no derradeiro correo que mantivemos o 11 de agosto a resultas dunha dobre consulta que lle fago para, por unha banda, confirmar se uns brincos que veño de adquirir, inspirados na Divina Comedia, que evocan a danza eterna dunha parella no inferno, saen do canto quinto e, pola outra, saber a que canto pertence certa referencia ao desasosego elemental dese pintor cuxa man trema no intre en que un trazo soborda o oficio. Compároo -dicíalle- coa verdade do momento no que les ese verso que tamén fai tremer e que na túa obra é ben frecuente. 

Velaí parte da resposta que ele achegou a propósito destes versos,  e que é  parella ao método que desenvolveu na devandita  conferencia:

ma la natura la dà sempre scema,
símilemente operando a l’artista
ch’a l’abito de l’arte ha man ché trema.

…o texto italiano dese verso é discutible e discutido; nesta edición imprimín o "oficial" da Società Dantesca, que é o da edición crítica do Petrocchi (quen son eu pra discutir con xente tan sabia?), pero unha lectura tradicional, e menos violenta sintacticamente, é "c'ha l'abito dell'arte e man che trema", ou algo así. Canto máis aprendo máis desconfío das edicións críticas. Hai unha de Arnaut Daniel con case 2.000 páxinas de verborrea erudita (e son ducia e media de poemas!) que me fixo escarallar de risa, e que corrixín nos meus trobadores aclarando de camiño algún treito que ninguén comprendera nunca dende o século XIII. Traballos de amor perdidos, pois ninguén reparou niso; como son un poeta, e non moi bon, e como enriba non son estudiado, non podo saber moito de filoloxía... E non che digo nada das imbecilidades da única edición crítica do Jacques le Fataliste, que acabo de traducir.

O canto é o 13 do Paraíso. Esta é a tradución de Darío Xohán Cabana. 

mais a natura nesto non se estrema,
pois opera à maneira dun artista
que sabe o oficio mais que a man lle trema.

E este escrito quere ser un retrato-souvenir, un couso para levar no peto, tal o corazón que nos cingue a el e a min na compaña do Manuel nunha pequena foto artesá, Alameda de Santiago, fins dos setenta. 

Margarita Ledo Andión
Secretaria da Real Academia Galega