Cabeceira do Semanario instructivo mostrando unha representación alegórica das artes
O Semanario instructivo de Santiago de Compostela (1838) foi, por varios motivos, unha publicación innovadora. En primeiro lugar, polos seus contidos, xa que incorporou temas que ata entón recibiran pouca atención na prensa galega -agricultura, botánica, física e química, artes e técnicas- e ademais outorgoulles o protagonismo principal nas súas páxinas, tal como se indica no propio subtítulo da revista: periódico de agricultura, ciencias naturales y arte. A estes asuntos engadíronse outros de índole histórica e literaria (poemas e contos), así como anécdotas e curiosidades que contribuíron a dar máis variedade ao periódico. Para comprender ben a novidade que supuxo a aparición do Semanario instructivo cómpre termos en conta que con anterioridade a el soamente outra revista -o Correo de Galicia, editado na Coruña en 1833- centrara a súa atención nos temas devanditos. Grazas a estas dúas publicacións a prensa galega, que ata aquel momento tivera unha orientación eminentemente política, foi quen de ampliar e de diversificar os seus contidos.
Outra das características innovadoras do Semanario instructivo foi a súa vocación pedagóxica e utilitarista, pois o expreso obxectivo do periódico era o de fomentar a instrución popular. Para acadar ese fin propúxose informar sobre prácticas agrícolas, popularizar coñecementos de botánica ou de zooloxía, e dar a coñecer novas descubertas científicas e progresos tecnolóxicos relacionados coas manufacturas e coas artes. Mais sen dúbida a principal preocupación foi contribuír á mellora da agricultura galega, o que explica que nas súas páxinas se publicasen numerosos artigos acerca de sementes, enxertos, decota, tipos de solos etc. Hai que dicir que neste aspecto Semanario instructivo demostraba ser o herdeiro directo da mentalidade "ilustrada" dunha institución como a Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago de Compostela, fundada nesa cidade no ano 1784 co propósito de fomentar a agricultura e as manufacturas galegas. De feito, seguramente existiu un vencello directo entre a revista e a mencionada institución, pois o prospecto inicial e o primeiro número do semanario estaban dedicados á Sociedad Económica e neles dicíase que a publicación aparecía baixo a "inmediata proteccion" desta.
Por último, o terceiro trazo innovador do periódico foi a incorporación de numerosos gravados e láminas -unha delas polícroma- onde se representaban certos asuntos tratados na revista. Os gravados reproduciron sobre todo aqueles monumentos descritos nas súas páxinas, aínda que tamén encontramos representacións dalgúns fenómenos xeolóxicos ou de maquinaria, e incluso unha curiosa visión de "animalillos microscópicos" que probablemente foi a primeira imaxe da vida microbiana que puido contemplar o público lector galego, algo que indica con total claridade o interese do Semanario instructivo pola divulgación científica. A inclusión de imaxes débese entender ademais como parte da estratexia pedagóxica da publicación, sabendo os seus responsables que o uso delas era un importante complemento da descrición dos obxectos porque axudaba a entendelos moito mellor. Non é de estrañar, xa que logo, que no prospecto inaugural se recoñecese de xeito explícito que o emprego das imaxes e o uso dun estilo sinxelo debían ser dúas condicións necesarias se Semanario pretendía contribuír á instrución popular.
Porén, considerando que a gran maioría das persoas ás que supostamente se dirixía o Semanario instructivo -labregos e artesáns- eran galegofalantes e ademais non sabían nin ler nin escribir, o emprego dunha revista escrita exclusivamente en castelán non parecía ser o medio máis axeitado para que as súas pretensións pedagóxicas obtivesen bos resultados. Quizais os responsables do periódico eran conscientes diso cando admitiron a improbabilidade de os labregos se instruíren lendo a revista eles mesmos, dado que non posuían nin os medios económicos para mercala, nin os coñecementos necesarios para comprenderen o texto. Por ese motivo no prospecto anunciador do Semanario recomendábase, co paternalismo característico das elites "ilustradas", que párrocos e propietarios lesen os artigos de temática agrícola e tecnolóxica e que despois llelos explicasen aos labregos da mellor maneira posible para familiarizalos coas melloras que poderían introducir nos seus cultivos.
O primeiro número do Semanario instructivo publicouse o 2 de marzo de 1838, e o derradeiro o 31 de agosto do mesmo ano. En total saíron do prelo vinte e sete números cunha periodicidade semanal. Os artigos publicados estaban asinados unicamente con iniciais. Na revista non consta o nome do seu director, pero sabemos que foi o médico e naturalista compostelán José Gil Rey e que colaborou con el o seu irmán Ramón, un habelencioso pintor e debuxante a quen debemos os interesantes gravados que adornan as páxinas do periódico.
O Semanario instructivo pódese consultar íntegro na nosa Hemeroteca Virtual.