Tribuna

Sarmiento naceu en Vilafranca. Proba autógrafa

Ego Martinus Garcia â Sarmiento, ex Villafranca Dioecesis Astorga accepi sanctissimum habitum Sancti P[atris] N[ostri] Benedicti in hoc Monasteiro Sancti Martini Matritensis Ordinis eiusdem Sanctissimi Patris â R[everendissi]mo Patre Magistro fratre Joanne Bap[tista] Lardito ipsius Monasterii Abate. Anno Domini millessimo septingentesimo decimo die vigesima Martis hora decima. Frater Martinus Garzia â Sarmien[to].

Fonte: AHN: CLERO SECULAR REGULAR -L.8520_464v.
Faga clic na imaxe para ampliala

"Eu Martín García Sarmiento, de Vilafranca, diocese de Astorga, recibín o santísimo hábito do noso Santo Padre Bieito neste mosteiro de San Martín de Madrid, da mesma Orde do Santo Padre, de mans do Reverendísimo Padre Mestre frei Juan Bautista Lardito, abade do dito mosteiro no ano mil setecentos dez o día 20, martes, ás dez horas. Frei Martín García Sarmiento".

O texto é ben coñecido dos frades bieitos; de feito debo ó P. Maté, actual abade de Silos, esta imaxe. Actualmente o libro custódiase no Archivo Histórico Nacional (Madrid) coa denominación Archivo Clero Secular Regular (L.8520) e estes datos están no folio 464v.

Estas liñas, quizais nunca antes difundidas, son o asento autógrafo de dous mozos postulantes que o 20.5.1710 declaran por escrito que acaban de recibi-lo hábito monástico beneditino en Madrid. Entrando na relixión podíase cambia-lo nome e así un Manuel García Sedaño (de Villatorrecilla, diocese de Calahorra) muda o seu nome en Fr. Benito Texera Quijano. O outro, do que sabemos que se chamaba Pedro José García Balboa, xa anota nas dúas columnas o seu nome definitivo: Fr. Martín García Sarmiento. Quizais se viu obrigado a prescindir do apelido materno Balboa, porque nese mosteiro xa había un P. Balboa e pon o segundo apelido da nai (Sarmiento) que será o único que use e polo que será coñecido.

O hábito entrégallelo no mesmo día e cerimonia ós dous postulantes o abade do mosteiro de San Martín de Madrid, P. Lardito. A profesión, que implicaba superar un tempo de estudo e de conduta e uns informes completos e xurados (dados por veciños da familia do postulante ante o párroco de orixe) pero tamén comprometerse a vivir para sempre nese mosteiro, era un acto que viña un ano ou varios despois: o primeiro destes dous postulantes acabaría abandonando o mosteiro e no texto anótase posteriormente: no profesó.

Para este primeiro acto de ingresar nun mosteiro, o postulante tiña que acreditar uns coñecementos mínimos e presentar partidas de bautismo e informes do cura da parroquia. Posteriormente pedíanse informes moi detallados da familia a veciños das respectivas parroquias. A novidade deste rexistro autógrafo é que aí Sarmiento consigna expresamente algo que poucas veces dixo na súa vida: que el nacera en Vilafranca da diocese de Astorga. Esta declaración autógrafa, feita ós quince anos, aclara definitivamente o lugar de nacemento do P. Sarmiento.

Unha nota recente a lapis expresa na marxe inferior a dúbida de alguén de se a data die vigesima Martis haberá que entendela como "día 20 de marzo". Non é posible, porque no rexistro as inscricións son sucesivas e a anterior é claramente de maio; ademais sabemos que o mozo Sarmiento saíra de Pontevedra para Madrid o 3 de maio. E debería dicir martii non martis. Unha calculadora permítenos saber que o 20.5.1710 cadrou en martes: así que tomaron o hábito un martes 20 de maio de 1710, ás dez da mañá.

¿Pode Sarmiento nacer en Vilafranca e dicir, como dixo tantas veces, que era natural de Pontevedra? Hoxe non sería posible porque hoxe ser natural de significa nacer en. Pero dende o 2003 temos unha segunda proba complementaria: a edición dunha biografía redactada en 1785 (ós trece anos da morte de Sarmiento) por un autor beneditino anónimo que loxicamente tiña diante toda a documentación monástica. Nela dise (ANÓNIMO: p.47)1 que el día 9 de marzo de 1695 [...] nació el niño Pedro Joseph García [futuro P. Sarmiento], pues con este nombre le bautizaron, en la parroquia de Santiago de Villafranca del Vierzo, reyno de León. E nese mesmo texto (p. 42) hai unha nota que explica que segundo a Lei 19, tít. 3, lib I (I) da Novísima Recopilación, daquela vixente, os fillos eran legalmente naturais do lugar da residencia habitual dos pais, aínda que ocasionalmente estes estivesen fóra do Reino e os fillos nacesen fóra del. Por iso Sarmiento, aínda nacendo en Vilafranca, sempre se considerou natural de Pontevedra, porque alí estaba a residencia habitual dos pais del e porque ademais, "de la edad de quatro meses fue trasladado al país de sus padres, Pontevedra" (p. 42), a onde a familia regresara definitivamente.

Para entende-lo nacer nun sitio e ser natural doutro, tamén cómpre lembra-la mentalidade bíblica: Xesús de Nazaré (Galilea) naceu realmente en Belén (Xudea) pero foi a tódolos efectos de Nazaret (Galilea) e en Xerusalén referíanse a el como O Galileo ou O Nazareno porque alí vivían ou viviran os seus pais ou, como se di no dereito galego, tiñan casa aberta e con fume. Nótese que de Nazaret a Belén hoxe hai 156 km e a Xerusalén 149. Sarmiento naceu en Vilafranca do Bierzo e estivo alí ata os catro meses pero criouse en Pontevedra (ata os 15 anos) e alí vivían os seus pais e irmáns. Fóra dos anos de estudos en Irache e Salamanca, de profesor en Eslonza, Celorio e Oviedo e de arquiveiro en Toledo, viviu os outros 40 anos en Madrid, consonte os votos beneditinos.

O 3.5.1710 (con quince anos) Pedro Joseph García marcha a Madrid (ANÓNIMO: 62) e, como queda dito, o 20.5.1710 admíteno a toma-lo hábito e, tras pedir e recibir informes un ano despois admitiríano a face-los votos definitivos o segundo día da Pentecoste. Pero ós tres votos monásticos de pobreza, castidade e obediencia, os benedictinos unen un cuarto voto que se formula así: y me dono perpetuamente a este Monasterio de... [neste caso S. Martín de Madrid]. Este cuarto voto acaboulle resultando moi pesado a Sarmiento, como se ve nas cartas ó seu irmán (SARMIENTO: Epistolario 1757/25; 1760/63; 1757/147;1757/149)2. Quizais a súa insistencia na súa patria pontevedresa sexa a manifestación da ansia de volver a Pontevedra.

No 21.3.1743 tivo que redactar un informe interno da Orde en España e aí tivo que consignar que nese momento a súa Orde tiña en Galicia tres grandes mosteiros (San Martiño Pinario de Santiago, San Miguel de Celanova e San Xulian de Samos), tres Casas-Colexios (de Teoloxía San Xoán de Poio e de Artes en Ribas de Sil e en Lérez), unha Casa mediana (San Salvador de Lourenzá), unha Casa menor (San Pedro de Tenorio), unha Casa anexa a Valladolid (S. Vicenzo de Monforte) e un Convento de monxas (San Paio de Santiago). A seu irmán dille que de boa gana deixaría en Madrid a súa biblioteca e arquivo persoal se puidese trasladarse a Galicia. Quizais a iso haxa que atribuír tanta insistencia en ser "de Pontevedra". Quizais Sarmiento sexa o primeiro pontevedrés que tivo a psicoloxía PTV ("de Pontevedra de toda a vida").

1ANÓNIMO (1785): Vida y obra del Rvdmo. P. M. Fray Martín Sarmiento (1965-1772), sacada a la letra de un manuscrito anónimo del siglo XVIII. Edición de Isidro GARCÍA TATO e Felipe VALDÉS HANSEN (eds.) (2003). Santiago de Compostela: Instituto P. Sarmiento de Estudios Gallegos "Padre Sarmiento". CSIC; XXXVIII + 352 pp.
2SARMIENTO, Fr. Martín (1995): Epistolario. Disposto por Xosé Filgueira Valverde e Mª Xesús Fortes Alén. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega. Extracto en FERRO RUIBAL, X.(1995): "Sarmiento no espello escachado das súas cartas" en Encrucillada 94, 1995; pp. 5-36).

Xesús Ferro Ruibal
Membro de número da Academia