'Roseira do teu mencer', versos pequenos para cantar e aprender a ler

'Roseira do teu mencer' saíu á luz en 1950, nun momento de escasísima produción editorial en galego e dentro dun xénero, o da poesía infantil, que o convertía nunha rareza. Pero o valor do poemario de Xosé Mª Álvarez Blázquez vai máis aló.
Roseira do teu mencer
Ilustración de Manolo Uhía na edición de Roseira do teu mencer de Xerais (1992)


Nos seus "versos pequenos que son para cantar", como os define o seu fillo Xosé María Álvarez Cáccamo, o escritor -homenaxeado o 15 de setembro de 2015 pola RAG no centenario do seu nacemento- reborda tenrura e emoción ante a paternidade vivida por primeira vez. E consegue tamén un texto indispensable, segundo dicía Borobó, para que nenos e nenas aprendan a ler en galego.

Álvarez Blázquez escribiu este libro no primeiro aniversario do nacemento da súa primeira filla, María Luisa, nomeada familiarmente Colorín, que morrería sendo unha moza. Con el inaugurou as súas Edicións Monterrey, e nel establece un "diálogo namorado" con meniña, indica Xosé María Álvarez Cáccamo. "É poesía de protagonista infantil que recorre ás fórmulas do xénero destinado ás crianzas, pero sobarda os lindes da esencialidade pedagóxica para construír un universo expresivo trascendente", engade.

Nas liñas que seguen reprodúcese unha cantiga de berce incluída no poemario.

ROSEIRA DO TEU MENCER

Durme, neniña;
durme, meu ben;
túa nai ten sono,
teu pai tamén.

Non penses máis no cabalo
que andaba a fuxir do dono;
¡mira ises cen cabaliños
que acarrexan o teu sono!

O meu arrolo
que nadie o escoite.
Dúrmete, nena,
que xa é de noite.

Aquil cabaliño ledo
está tamén a durmir;
non o chames, que non pode,
meu ben, anque queira, vir.

Dúrmete logo,
meu año manso;
túa nai sospira,
teu pai vai canso.

O cabalo non che escoita
e nin olla coma o acenas,
pois mañán ten de ir á vila
levar un carro de nenas.

¡Durme, neniña
Co meu arrolo,
Que xa me estafa
terte no colo!