Carballo ou Carvalho, pois das dúas maneiras o recoñecemos. A segunda foi a forma que el elixiu para o seu apelido na derradeira etapa da súa vida: proposta de aproximación ortográfica á lingua irmá portuguesa, consonte cunha tradición que tamén forma parte da nosa historia social e literaria. A Real Academia Galega dedica este ano 2020 á memoria dun dos intelectuais máis sobranceiros da Galicia contemporánea, crónica viva do galeguismo dende os anos do Seminario de Estudos Galegos, ao que se incorporou sendo moi novo, ata a súa xubilación na cátedra universitaria en 1980 e o seu falecemento o 25 de marzo de 1990.
Profesor, crítico literario, estudoso da literatura, lingüista, ensaísta, activo publicista, narrador, dramaturgo, poeta, na súa obra sobresaen algúns títulos especialmente significativos, como a Historia da Literatura Galega Contemporánea, esforzo xigantesco realizado en condicións certamente adversas, que se publicou por primeira vez en 1963, e que serviu de manual de referencia para as xeracións que a partir daquel ano comezaron a formarse no coñecemento da nosa literatura.
Outrosí podemos dicir das sucesivas edicións da gramática da lingua galega, que el denominaba "gramática do galego común", a primeira do ano 1966. A partir de 1979 (7ª edición) o profesor incorpora nos seus postulados unha nova liña non exenta de polémicas, con propostas decididas de achegamento ao portugués. De todo isto haberá ocasión de falar ao longo do ano que iniciamos. A Real Academia Galega promoverá foros científicos para escoitar e debater as achegas que, dende o coñecemento e o estudo do idioma, poidan realizarse.
Mais a personalidade de don Ricardo é moito máis rica. A súa obra literaria merece atención como novelista, como poeta, como ensaísta e dramaturgo, e a súa vocación docente deixou pegada en varias xeracións: nas aulas do Colexio Fingoi en Lugo e nas aulas universitarias despois. El foi o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galegas na Universidade de Santiago de Compostela (1972). El representa, igual que Antonio Fraguas o ano 2019, a crónica dunha parte moi importante do galeguismo no século XX, primeiro dende a ilusión, a vontade e o entusiasmo da xeración do Seminario e o Partido Galeguista e despois dende a resistencia do que os historiadores denominan o "exilio interior".
A Real Academia Galega, na que Ricardo Carvalho Calero ingresou como académico de número o 17 de maio de 1958 cun discurso sobre as fontes literarias de Rosalía de Castro, honra este ano a súa memoria, séntese honrada pola súa dedicación e traballo, e convida a toda a cidadanía a participar nos actos que se desenvolverán ao longo dos próximos meses.