Retallaría

Retallaría e retallista

Unha lingua é un sistema de signos que permite a comunicación entre os membros dunha sociedade, e o seu léxico responde fundamentalmente ás necesidades comunicativas e aos modos de vida desa sociedade que a fala. Pero as sociedades son realidades dinámicas que evolucionan co paso do tempo: os modos de vida cambian, e igualmente cambian as necesidades denominativas para responder ás novas realidades.

Antigamente cando unha peza de roupa se desgastaba ou rompía, había que botarlle un amendo, é dicir, engadirlle un anaco de tea para tapar a zona rompida ou desgastada. Pero nos últimos anos difundiuse moito a técnica de confección de roupa unindo amendos ou retallos de tea distintos. En realidade a reutilización de retallos de teas vellas para un novo uso é algo que se deu historicamente en case todas as culturas. Pero modernamente este tipo de traballo artesán difundiuse desde os Estados Unidos de América a todo o mundo co nome de patchwork. Tal foi o seu éxito que en moitos países pasou a ser recoñecido como unha técnica artesanal con entidade propia.

O día 1 de setembro de 2008 recibiuse na RAG unha carta da Comisión Galega de Artesanía solicitando información sobre como se debería denominar en galego o ‘labor feito con retazos de tecido, unidos uns a outros, principalmente con formas xeométricas', así como a propia ‘actividade para elaborar estes produtos' (un e outro concepto exprésanse en inglés mediante o termo patchwork).

Antes de tomar unha decisión, a RAG barallou fundamentalmente dúas posibilidades:

1. Tendo en conta que pachwork, en inglés, designaba orixinariamente a manta feita con anaquiños pequenos de tea, un tipo de manta moi semellante á que en galego se coñecía como farrapeira, pensouse, imitando a deriva semántica do inglés, en crear un substantivo farraparía para nominar a actividade. Pero esta opción tiña algún inconveniente:

a) Un primeiro obstáculo era unha certa connotación despectiva que ten a voz farrapo no galego actual, o que podería levar á consideración da profesión dos que se dedican a estes labores como marxinal e pouco apreciada, o que non corresponde coa realidade.
b) Unha segunda pexa aparece ao completar os demais membros da familia léxica. A adopción de farraparía para a actividade parece que implica que os que a practican se chamen farrapeiros/as, e isto presenta o inconveniente de que a voz farrapeiro existe xa no galego para designar ‘os que recollen e trafican con trapos vellos', o que produciría unha polisemia non desexable por referirse a dúas actividades relativamente próximas, pero de connotacións sociais moi distintas.

2. Diante dos inconvenientes que presentaba esta opción, a RAG optou por formar esta familia léxica a partir do substantivo retallo, solución igualmente plausible desde o punto de vista da motivación semántica e sen os inconvenientes das familia de farrapo. Esta escolla baséase no propio significado do substantivo retallo (‘cada un dos anacos que quedan dunha cousa despois de cortala'), pero tamén na existencia dos termos colcha de retallos e manta de retallos para indicar algo moi semellante ao que era orixinariamente o pachwork. Por iso na actual edición do Dicionario da RAG aparece unha entrada retallaría co significado do que en inglés se denomina patchwork e no castelán centón, e outra retallista que, á parte de referirse á persoa que se dedica á venda polo miúdo, designa tamén aquela que se dedica á actividade artesá da confección utilizando a técnica da retallaría ou patchwork:

retallaría s.f. Técnica que consiste en coser retallos de tea de cores, debuxos e formas diferentes. Ten creacións de retallaría moi orixinais. SIN. retallería.

retallería s.f. Retallaría. Aplicou a retallería para a confección de alfombras.

retallista s. 1. Persoa que vende polo miúdo. O retallista servíalles a mercancía aos pequenos comerciantes. 2. Persoa que se dedica á confección de teas utilizando a técnica da retallaría. Encargoulle á retallista unha colcha de retallos.