Reflexos textuais da vida cotiá

Anuncio do café La Orensana
Anuncio en galego no programa de festas de Santiago do Centro Galego de Barakaldo


En numerosas ocasións tense caracterizado o dezanove como o século da revolución do impreso, atendendo ao gran crecemento que experimentou nesta centuria a produción de escritos saídos do prelo.

De certo, ao longo do oitocentos, o número de libros e as súas tiraxes aumentaron exponencialmente case ano a ano.

Xunto a esta expansión do libro hai, tamén, que ter en conta o auxe e desenvolvemento do xornal, que durante o XIX se converteu no medio de comunicación máis popular e cotián para todas as capas da sociedade.

Con todo, esta abundancia da letra impresa coñece o seu momento cume co nacemento da cultura de masas, nos anos que median entre os séculos dezanove e vinte. A partir de entón, para unha poboación cada vez máis alfabetizada, o consumo diario de textos impresos converte a lectura e a escritura en actos verdadeiramente vitais.

A carón de libros e xornais, as aldeas, vilas e cidades víronse, tamén, invadidos por unha multitude de textos máis breves e máis efémeros pero que eran, con moita diferenza, aínda máis cotiáns. Así, centos de prospectos, follas voandeiras e pregos dos máis variados contidos saturaban a vida das xentes: programas de actos, anuncios comerciais, bandos oficiais, propaganda política, horarios de trens, recordatorios, poemas, carteis, etc.

Alén do pouco valor que se adoita dar a toda esta inxente produción de pequenos papeis impresos, a súa presenza na vida da poboación acadou unha grande importancia; pois estes servían de guía, ofrecendo toda a información necesaria para se orientar nun mundo en continuo cambio e movemento. Grazas a eles coñecíanse os horarios dos medios de transporte, o que se podía mercar e o que custaba, os horarios e o prezo dos espectáculos públicos, as novas dos concellos, os principais acontecementos públicos, e tantas outras cousas. Así, dalgún xeito, case se podería dicir que a súa presenza constante moldeaba o discorrer diario da vida.

Porén, en Galicia viviuse esta revolución cunha peculiaridade moi marcada: a imaxe textual que da vida diaria ofrecían estes impresos estaba redactada nunha lingua distinta á habitual da poboación. Se ben nesta terra a inmensa maioría da xente do XIX falaba en galego, a lingua da escrita era o castelán. Non obstante, houbo algunhas excepcións, desas que sempre confirman a regra. E, precisamente, dentro dos fondos do arquivo da Real Academia Galega conservamos algunha delas.

O primeiro documento do que queremos falar é un prego cun romance en galego de Manuel Fernández Magariños, impreso en 1862 na imprenta santiaguesa de Jacobo Souto e Fillo. O romance fala do comezo das obras da liña de ferrocarril entre Santiago e Carril.

Fernández Magariños foi un dos poetas que apareceron no Album de la caridad (A Coruña, 1861), que foi a primeira antoloxía de poesía galega, aínda que tamén contén poemas en castelán. Esta obra recollía as composicións premiadas nos xogos florais da Coruña, os primeiros celebrados en Galicia. Pero, ademais dos versos que apareceron nesta antoloxía, Magariños publicou en Santiago, entre 1840 e 1862, diversos pregos con romances en galego nos que glosaba a actualidade política e social, e, entre eles, encontrábase este impreso.

Hai que ter en conta que os primeiros impresos en galego aparecidos no século XIX foron precisamente pregos con composicións en verso nas que se animaba aos galegos a combater os franceses, durante a loita contra a invasión napoleónica. O carácter propagandístico dos textos e o feito de estaren dirixidos á xeneralidade dunha poboación maioritariamente galegofalante xustificaban o emprego da nosa lingua neles, en tempos en que os galegos á hora de escribir só empregaban o castelán. O exemplo rendeu e continuaron aparecendo pregos e follas voandeiras con versos en galego, xa con outros contidos de actualidade, durante o resto do século.

O segundo exemplo témolo no programa das festas dedicadas ao día de Santiago organizadas polo Centro Galego de Baracaldo no ano 1916. Este Centro naceu en 1901 co obxectivo, como tantos outros, de cubrir as necesidades dos emigrantes galegos que daquela comezaban a chegar masivamente ao País Vasco, para traballar nas minas de ferro e nas fábricas instaladas xunto ao río Nervión. Lembremos que o asociacionismo galego na emigración, a través da solidariedade dunha xente expatriada da súa terra de orixe, axudou a fomentar a conciencia da singularidade da nosa cultura e da nosa lingua, funcionando, en moitas ocasións, como o seu defensor e divulgador.

A peculiaridade deste programa reside en que, a pesar de ser o castelán a lingua empregada nel, están redactados en galego os anuncios dun almacén de viños, dun salón de peiteado e dun bar biscaíños. A xulgar por esta propaganda comercial, os negocios, ademais de estaren rexentados por galegos, debían de ter entre os emigrantes da nosa terra un bo número de clientes, o que explica ben a elección da lingua.

O último caso é o do programa da actuación do Coro Cántigas da Terra da Coruña no teatro Rosalía de Castro desta cidade, en 1917. Nesta ocasión, ademais da música galega interpretada por este coro (na que aparece o himno galego, que xa daquela estaba popularizado grazas, en gran mediada, á actividade das Irmandades da Fala), incluíase a estrea da peza teatral breve Pra vivir ben de casados..., que foi unha das primeiras obras para teatro escritas por Leandro Carré Alvarellos.

É evidente a importancia que tiveron os coros populares na historia da música galega. Do mesmo xeito, o desenvolvemento dun teatro en galego supuxo un paso máis na normalización literaria e artística da nosa lingua. Pero, ademais, a produción de espectáculos musicais e teatrais en galego tivo sempre a vital función de recuperar para a nosa lingua a sociabilidade pública, perdida ou diminuída, especialmente nas cidades, pola presión do castelán. Porén, en moitas ocasións no século XIX e a comezos do XX, os programas e as follas informativas dirixidos ao público destes espectáculos atopábanse escritos en castelán. Pero neste caso, polo contrario, a lingua impresa, a lingua da información, tamén era a do público.