Recepción de Giulia Lanciani

A nova académica de honra evocou no seu discurso o proceso de descuberta e reapropiación do noso corpus lírico medieval e defendeu, asemade, a tese da súa exclusiva galeguidade.
A nova académica dando lectura ao seu discurso
A nova académica dando lectura ao seu discurso

 

Giulia Lanciani
Giulia Lanciani

Segundo a relación da nova académica honoraria, a historia da recuperación dos nosos cancioneiros medievais comeza en 1514, coa chegada a Roma dunha legación enviada polo rei Manuel de Portugal ao papa León X que transporta -alén de abondosos agasallos ofrendados tras da súa recente conquista da península de Malaca- o novo embaixador portugués na Santa Sede, o bispo de Viseu, Miguel de Silva, e o seu secretario persoal, António de Ribeiro.

Será precisamente António de Ribeiro quen lle empreste, en 1525, ao bibliófilo e humanista sienés Angelo Colocci, un libro que contén unha extensa recolleita da nosa lírica medieval que este nomea como o "Libro di Portughesi", do que manda facer copia de inmediato. Co paso do tempo, esta copia pasará a ser denominada o Cancioneiro Colocci-Brancutti.

Algúns estudosos sosteñen que Angelo Colocci posuía, xa con anterioridade, unha copia doutro volume que contiña unha mostra menor en número da poesía medieval galega: o Cancioneiro da Vaticana, mentres outros defenden, pola súa parte, a hipótese de que este Cancioneiro é, en realidade, unha copia reducida do mesmo texto orixinal, o desaparecido "Libro di Portughesi".

Sexa como for, os dous Cancioneiros mandados copiar por Colocci constitúen as únicas testemuñas coñecidas hoxe da lírica medieval galega, xunto con outro de menor entidade aparecido na Biblioteca de Ajuda -o Cancineiro de Ajuda-, incompleto, de misteriosa procedencia, e que sufriu unha serie de enxertos ao longo do tempo que modificaron, "lusitanizaron", sensiblemente o texto orixinal.

A este respecto, a doutora Lanciani afirma o seguinte: "A lingua en que estaban escritas as cantigas chamadas «galego-portuguesas» non era o portugués, nin moito menos o «galego-portugués», senón máis sinxelamente o galego: un galego lingua común da lírica medieval peninsular". E engadiu: "Tarefa dos amigos e colegas galegos —xa autores de notables traballos sobre a súa poesía medieval— podería ser a de reivindicaren incisivamente a denominación correcta de tal poesía común da lírica medieval peninsular".

Rosario Álvarez
Rosario Álvarez


A resposta, en nome da Academia, correspondeulle á tesoureira desta institución, Rosario Álvarez Blanco, quen -logo de enumerar os abondosos méritos académicos e achegas científicas no eido da romanística da nova académica honoraria- salientou tamén o seu compromiso persoal na difusión da literatura galega alén das nosas fronteiras, publicando recensións de libros de escritores galegos, ou mesmo traducindo ao italiano textos da nosa literatura.

Rosario Álvarez coincidiu na necesidade exposta por Lanciani de reclamar a galeguidade do corpus lírico medieval etiquetado deica agora baixo o epígrafe "galego-portugués", así como na de repristinar os textos conservados na procura da súa fasquía orixinal. "Giulia Lanciani márcanos o camiño e pídenos que, por medio do estudo rigoroso, nos carguemos de razóns e de bases en defensa deste patrimonio de noso", concluíu Álvarez Blanco.

Foto de familia dos académicos coa nova membro honoraria
Foto de familia dos académicos coa nova membro honoraria


O discurso de Giulia Lanciani titulado Aventuras e desventuras da transmisión manuscrita da lirica medieval galega, pódese descargar aquí.