Tribuna

Real Academia Galega e Academia de la Llingua Asturiana. Cuestións ortográficas e escolares

Un neno da Uttar Pradesh alfabetizado unicamente en hindi non pode ler o que escribe outro que utilice para a expresión escrita o urdu, por máis que nada lles impida entendérense nos xogos. Unha revista escolar da Transnistria resulta hoxe escura no resto das escolas de fala romanesa de Moldavia e Romanía ao utilizar para a lingua moldava (лимба молдовеняскэ / limba moldovenească) caracteres cirílicos en lugar de latinos. E nos nosos dominios, sen chegarmos a tales extremos, un neno asturiano de Taramundi ou Santiso de Abres pode aprender na escola unha regra ortográfica contraria á que utiliza un primo seu da Pontenova ou Trabada.

É sabido que a vestimenta gráfica adoptada para un idioma, unida a miúdo a escollas de tipo morfolóxico e léxico, pode darnos unha idea da súa fortaleza e unidade, da diversidade dialectal ou de factores de carácter histórico, cultural, relixioso, político, etc. que inciden no seu código gráfico. Ao mesmo tempo, permítenos albiscar se os textos dunha área determinada intentan confluír con outras de afinidades lingüísticas (aranés > occitano, flamengo > neerlandés...) ou se, pola contra, pon atención en resaltar diferenzas e marcar fronteiras (valenciano / catalán, serbio / croata...).

Desde que a Real Academia e o Instituto da Lingua publicaron as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (1982) o noso código escrito leva dado pasos de xigante no uso dunha normativa unificada común para os tres bloques dialectais. Algo similar podemos afirmar para as variantes xeográficas do asturiano desde a aparición das Normes ortográfiques y entamos normativos (1981) da Academia de la Llingua Asturiana. Fronte a isto, as falas galegas dos dezaoito concellos do occidente do Principado, sobre as que ostenta competencias lingüísticas a mencionada Academia de la Llingua, a pesar das súas Normas ortográficas del gallego-asturiano (2007), encontrámolas sumidas nunha situación ben diferente, que podiamos caracterizar polo dominio do localismo e unha precariedade manifesta para normalizárense no ensino e nas institucións en xeral.

Vistas desde Galicia, estas últimas normas rexistran varios trazos diferenciadores que, en certos aspectos, fannos retroceder ao galego escrito da época do Rexurdimento...
1.- Emprego de til nas agudas rematadas en ditongo (cantéi, falóu, volvéu, recibíu, quizáis, despóis...).
2.- Utilización do apóstrofo, para deixar constancia da fonética sintáctica, en estruturas similares a xa m'avisou, a ti nun ch'importa, que s'amañen, a casa d'Antón, é d'esta nena, cousas d'él, marchou pr'América, hai qu'ir...
3.- Uso de "b" antietimolóxico en formas transcritas tradicionalmente con ese grafema (boda, (a)bolo, abogao ~ abogado...), criterio que deducimos que se segue para casos de "v" (automóvil, maravilla, móvil...).
4.- "Y" grego (en lugar de "i" latino) en voces como gayoleiro, mayo [mes], poyo, rayola... e na copulativa y; ás que se engaden as evolucións similares a mayo [apeiro], moyar, tayada, trabayo..., que en galego escribimos con "ll".
5.- Uso de variantes como os adverbios nun (nun podo) e unde, a preposición pra ~ pa, a conxunción pro, participios en -ao (pasao, andao), formas en –is (crisis) e unha chea de castelanismos (además, ayer, hacia, parexa, reló, siglo...).

A pesar de que nalgún destes casos puidese parecer estarmos recuperando usos do pasado, en realidade as devanditas normas obvian por completo a evolución que a nosa ortografía rexistrou ao longo do século XX así como os principios que, para o estándar actual, mantén a Real Academia Galega. En cambio, deixan a lingua falada ao oeste da Serra dos Lagos baixo o paraugas normativo do asturiano. E é que a Academia de la Llingua asume a Proposta de normas ortográficas y morfolóxicas del gal(l)ego asturiano do "Grupo de trabayo prá investigación didáctica y normativa", publicada en 1993 pola Conseyería d'Educación do Principáu d'Asturies e rompe coas Normas ortográficas e morfolóxicas del galego de Asturias (1990) editadas pola Mesa prá Defensa del Galego de Asturias e da Cultura da Comarca, que si tiñan como referencia as da Real Academia.

Volvendo ao mundo escolar, un neno que curse ensino primario en Asturias, desde a implantación da LOMCE, para aprender a lingua do país conta á semana con arredor de hora e media (opcional); fronte ás ao pé de catro horas (ademais das materias impartidas en galego e da oficialidade do idioma) que ten un que estude en Galicia. Con esta situación, aínda resulta utópico pretender entre as dúas autonomías unha nivelación nos programas e moito menos chegar ao desexable, que fosen reciprocamente validables as materias de galego-asturiano e galego.

É certo que cada academia é soberana nas respectivas decisións e o mesmo podemos afirmar para os organismos que regulan o ensino; pero, vendo as máis de vinte academias do castelán tomaren decisións en común, preguntámonos se melloraría a situación da lingua do Eo-Navia se a Academia de la Llingua Asturiana e a Real Academia Galega non se ignorasen mutuamente e desen xuntas un primeiro paso para consensuaren un código para o oficialmente chamado gal(l)ego-asturiano.

Xoán Babarro González
Membro correspondente da Real Academia Galega