Tribuna

Ramón Lorenzo e a 'Colección documental do mosteiro de Montederramo'

Por fin, temos Montederramo
Unha comunidade de veciños precisa un territorio compartido. Un pobo, tamén. Pero un pobo, para ser pobo, precisa unha historia propia e unha lingua propia. Ramón Lorenzo acaba de pórlle o ramo a trinta anos de traballo, presentando ante a sociedade científica internacional un conxunto de 1906 documentos medievais do mosteiro de Montederramo 1, que van dende 1124 ata mediados do século XVI, os máis deles en galego. Na miña idea é o cuarto ou quinto indicio que el presenta de que Galicia é alguén. 2.610 páxinas do editor máis 688 dos índices das súas colaboradoras suman 3.298 páxinas e, con isto, estamos nas dimensións características de Ramón Lorenzo, sempre interesado en ofrecer datos completos para que saibamos como é realmente a nosa lingua galega. Agradécese que a edición sexa dixital, porque case non ocupa espazo, permite a lectura lineal de sempre e, ademais, permite que cada lector busque xa directamente os seus puntos de interese persoal.

¿Que foi Montederramo?
Montederramo, que agora reingresa na historia, empezou sendo un pequeniño mosteiro beneditino, dedicado a San Xoán, no lugar chamado Rovoeyra Sacrata, de robur "carballo, carballeira sacra". Co paso do tempo, o mosteiro beneditino pasou a ser cisterciense, dedicado a Santa María, e trasladouse ó actual emprazamento, a uns 5 quilómetros de distancia.

Aquela medieval Rovoeyra Sacrata na beira ourensá do río Sil na parroquia de Seoane Vello (Seoane é "San Xoán") acabouse transformando na boca da xente en Ribeira Sacra, proba de que a xente esqueceu o significado orixinal de "rebolo, carballo" (que está no escudo de Montederramo) e pasou a denominar unha comarca ourensá pero tamén luguesa.

E tamén de terras luguesas falan os documentos de Montederramo, porque foi un dos mosteiros importantes de Galicia, dinamizador da cultura, agricultura e gandaría en terras de Ourense pero tamén de Lugo, Portugal e León. Ramón Lorenzo acaba de poñernos na man a edición deses 1906 documentos de Montederramo.

¿Que é unha edición paleográfica?
Hai algo marxinal que me sorprende. É ben sabido que o papel o inventaron os chinos, que os árabes aprenderon deles a fabricalo e que o introduciron na España do século XI, que a primeira fábrica estivo en Xátiva (1056) e que desde alí a técnica difundiuse a Sicilia (XII), Italia (XIII) e Francia (XIV). O primeiro documento en papel que se cita en Montederramo é un documento do Infante don Filipe, de 1312, pero cópiano en pergamiño porque o papel se estragaba e rompía cada vez que o tiñan que levar a un lado ou a outro (1314, 1321, 1323). O pergamiño, en cambio, é máis resistente pero tamén é moito máis caro e, por esa razón, utilizaban centos e centos de abreviaturas que aínda hoxe nin tódolos paleógrafos saben descifrar ben. Este é o problema. Endebén, nisto a competencia e a paciencia de Ramón Lorenzo é proverbial: preparar esta edición paleográfica, que desenvolve tódalas misteriosas abreviaturas, levoulle trinta anos. E nós hoxe podemos le-los documentos sen problema e a Galicia quédalle tamén unha escola de paleógrafas, especialmente Maka Álvarez, colaboradora desta edición.

¿De que falan os documentos de Montederramo?
A obra dun mosteiro non se escribe en documentos notariais en pergamiño. Non consiste niso. Poñerei un caso: no doc. 932 (de 11.6.1327) un mozo entusiasta do ben social e relixioso que facía o mosteiro de Montederramo, pide entrar nel como novizo:

entrey ena / dita Ordem, veendo et entendendo muyto sseruiço que ffaçen a Deus eno dito moesteyro em oraçóns et jegüus / et en madudinos, primas, mjssas, terças, ssestas, noas, vésperas, conpretas, et outrossý veendo et conssijrando / quantas esmollas et quanta espitalidade ffaçen et manteen a todos aquelles que passam polo dito moesteyro,

Efectivamente Montederramo tiña propiedades integramente dedicadas a producir recursos para atende-las indispensables esmolas ós necesitados (documentos 932, 960, 1083, 1279, 1338, 1374, 1375, 1428, 1476, 1477, 1541, 1542, 1692, 1761). E, para evitar desviacións, establécese ante notario esa obriga. Pero a man dereita non chama un notario para que faga escritura do que ela fai ben cada día e que así o saiba tamén a man esquerda. Pero nestes documentos afloran por veces cousas humanas como a atención ós enfermos e a enfermaría de Montederramo (2.11.1313) (20.5.1331) (15.2.1435) (9.2.1474) (10.5.1477) (10.2.1482); fálase dos pobres: un matrimonio que crea unha albergaría para pobres (23.2.1320) e o rei esixe atención ós pobres (17.12.1468); fálase das necesarias escolas.

Hai aquí material de estudo para economistas, lingüistas e historiadores pero tamén para teólogos e bispos. Por ser caro o pergamiño e por ser documentación notarial, estes 1.906 documentos falan do que falan sempre os documentos notariais: de propiedades e de transmisións, de obrigas contractuais, de comercio. Montederramo era un mosteiro e a vida da fe escríbese con feitos, sen palabras, e o que din os documentos é que este mosteiro parece que foi tamén un motor da economía de boa parte da provincia de Ourense, dunha parte da de Lugo e mesmo do nordeste de Portugal. Montederramo transparenta o vencello histórico entre a Reboira Sacrata e a actual Ribeira Sacra.

Estes documentos resucitan un período medieval para nós, cidadáns do 2019, e por iso poden e van ter moi diversas lecturas: lingüísticas, económicas, históricas, culturais, políticas, quizais tamén eclesiásticas.

Transcendencia dos documentos medievais

Toda lingua, como sistema de comunicación dun pobo, ten en si toda a utilidade esperable e toda a dignidade científica. Se unha lingua oral corre en documentos escritos hai xa case oito séculos, eses escritos sitúan xa nesa antigüidade a existencia do pobo que aínda hoxe a fala. Encontrar e ofrecer eses documentos escritos convida a reflexionar sobre a dignidade dese pobo e desa lingua. En cambio, conseguir impoñer esa lingua a outros Pobos parece menos meritorio, dende un punto de vista humanista, porque eses Pobos xa non eran mudos.

Que teñamos en común un territorio e unha lingua é coherente con que teñamos tamén dous Pórticos da Gloria e explica esa riada humana que foi e segue sendo o Camiño de Santiago; explica tamén a actual balanza galega de exportacións e importacións. Desta edición e das anteriores de Ramón Lorenzo parece deducirse que temos unha lingua porque somos un Pobo: os documentos medievais e a literatura medieval xa en galego constitúen unha fe de vida do pobo galego. Rematarei cun exemplo.

O exemplo de Islandia
Islandia recuperou a súa independencia de Dinamarca parcialmente en 1918 e plenamente en 1944. Pero Copenhague seguía gardando na súa Biblioteca Real os 1.666 manuscritos medievais islandeses, que fora reunindo o historiador islandés Árni Magnússon (1663–1730), denominados Arnamagnæan Codex (en islandés: Handritasafn Árna Magnússonar). Islandia xa lle viña reclamando a Dinamarca eses manuscritos dende o século XIX, porque eran a súa literatura e documentación medieval. Dinamarca negouse a devolvelos ata xuño de 1973 e aínda reservou dous valiosos códices, que entregou finalmente en 1997. Contan as crónicas que, cando os manuscritos regresaron a Islandia, toda a xente de Reikiavik saíu ás rúas a recibir eses manuscritos, como noutros países saen a recibir uns deportistas que gañaron a Copa do Mundo: os manuscritos eran cidadáns moi valiosos; eran os seus heroes. 

Ramón Lorenzo é o noso Árni Magnússon, porque el só parece estar para obras que requiren moito alento e moita disciplina metodolóxica. A tódolos que non coñecémo-los segredos da paleografía e do galego medieval entregounos xa, en grafía intelixible hoxe para todos, tres obras grandiosas: Traducción gallega de la Crónica General y de la Crónica de Castilla (1975, 1977), a Crónica Troiana (1985) e os Miragres de Santiago (2004). Do seu rigor e finura no coñecemento do galego medieval dan mostra as longas reseñas críticas a obras importantes de filólogos estranxeiros como José Pedro Machado, Clarinda de Azevedo Maia ou K.M. Parker e tamén de galegos (R. Martínez López). E da súa capacidade de traballo, dan fe a edición dos nove volumes das Actas do 19ºCongreso Internacional de Lingüística e Filoloxía Románicas (1989) ou a dirección de teses que tamén rescatan documentación medieval galega como a de Pedro Dono (Santa Comba de Naves, Palmés, Ourense), de Ana I. Boullón (Contribución ó estudio da antroponimia medieval galega (séculos VIII-XIII), a codirección da de Luz Méndez Fernández (O Tumbo das viñas de Ribadavia) ou tamén doutros recunchos da lingua (El eufemismo en Galicia) de Emilio Montero.

A pericia e a paciencia de Ramón Lorenzo veñen de poñer nas mans do mundo enteiro a Colección documental do mosteiro de Montederramo (Consello da Cultura Galega 2019) á que dedicou case tódalas mañás laborables de tres decenios de traballo, porque son 1906 documentos que falan dun mosteiro que foi motor da economía galega en Ourense entre 1124 e mediados do século XVI (25.3.1560) e que está na base diso que hoxe se chama Ribeira Sacra.

Aquí está a vida diaria dos nosos devanceiros nunha sociedade economicamente dirixida, en parte, polos mosteiros. Algo fallou nalgún momento da nosa historia, se hoxe Montederramo é un dos grandes templos de Galicia con magníficos claustros pero sen liturxia; e se é tamén un concello con crise demográfica e escasa agricultura pero con boa parte do territorio entregado a unha gandería ecolóxica. Poderán agora os especialistas en historia económica e historia medieval da Igrexa entrar a reescribir esas dúas parcelas e entenderemos mellor o que Galicia é hoxe e o que Galicia debe ser. Poderán tamén os lingüistas comproba-las razóns que avalan o que Ramón Lorenzo pensa do que é a lingua galega. A impecable edición dos manuscritos medievais de Montederramo resucita a nosa historia e ben merecía que Galicia saíse nesta ocasión á rúa como saíu Islandia en 1973. Polo menos cen mulleres e homes acompañámolo na presentación desta magna obra pasado 17 de setembro precisamente no coro abacial de Montederramo. Alí eu tiven a sensación de que, coma Árni Magnússon no caso de Islandia, Ramón Lorenzo e a súa obra en Galicia son imprescindibles.

LORENZO, Ramón [e Pérez, Maka (col.)] (2019): Colección documental do mosteiro de Montederramo. Edición dixital. Consello da Cultura Galega: Santiago de Compostela. 2631.páxs. Introdución de Ramón Lorenzo (21-177 páxs). Coleccción documental (23-2631 páxs.). Contén tres presentacións: A época medieval dun gran mosteiro (Ramón Villares). Poñéndolle o ramo a unha biografía investigadora impecable (Valentín García Gómez) e O rescate do patrimonio documental (Ernesto González Seoane). Anexo 1: VISO PÉREZ Silvia: Índice antroponímico (511 páxs.). Anexo 2: (RODRÍGUEZ SUÁREZ, Pilar; VÁZQUEZ BERTOMEU, Mercedes e VISO PÉREZ, Silvia: Índice toponímico; 177 páxs.).

Xesús Ferro Ruibal
Membro da Academia