Os coautores deste dicionario son o maxistrado do Tribunal Supremo, Luciano Varela, e o presidente da Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra, Xosé Xoán Barreiro Prado. O catedrático e tesoureiro da Real Academia Galega e director do Centro de Investigacións Ramón Piñeiro, Manuel González González, coordinou un grupo de filólogos encargados da redacción e corrección lingüística.
Trátase dunha ferramenta de traballo única entre as linguas cooficiais do Estado e imprescindible para os profesionais e especialistas do ámbito do dereito que desenvolvan o seu traballo en Galicia.
Na presentación da obra na Escola Galega de Administración Pública, o académico Manuel González González destacou que "a lingua galega non ten aínda un nivel de presenza satisfactorio na administración de xustiza", segundo indica "o Comité de Expertos encargado de avaliar a aplicación da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, ratificada por España en 2001, nos seus informes periódicos sobre a aplicación da Carta en España". Manuel González afirmou tamén que "España está situada entre os países máis firmemente comprometidos coa protección e promoción das linguas minoritarias. Pero un ámbito onde o Comité de Expertos detectou repetidamente un notorio incumprimento dos compromisos adquiridos na Carta é precisamente o da Administración de xustiza, incumprimento de tal gravidade que motivou que o Comité de Ministros do Consello de Europa recomendase ás autoridades española tomar as medidas necesarias para incrementar a porcentaxe do persoal da Administración de xustiza e, en particular, entre os xuíces e fiscais, que poidan empregar as linguas rexionais como linguas de traballo nos tribunais nas comunidades en que existe unha lingua cooficial".
O coordinador lingüístico do proxecto sinalou, ademais, a necesidade de aumentar a presenza do galego na formación dos futuros avogados pois, "hoxe o nivel de uso da lingua galega na docencia na Facultade de dereito da Universidade de Santiago de Compostela apenas alcanza o 10% das materias impartidas", e destacou que "o galego xerou a terminoloxía propia necesaria cando foi lingua normal da xustiza, pero deixou de xerala cando se deixou de usar para esta función, a favor do castelán. Por iso hoxe cómpre un esforzo especial de actualización terminolóxica".