'Primeira Elexía', de Álvaro Cunqueiro

O poema, tirado do volume Autopoética e poesías 1935, publicado polo Consello da Cultura en 1991, conta cun limiar introdutorio de Xosé Filgueira Valverde.
Álvaro Cunqueiro
Álvaro Cunqueiro


No seu limiar, Filgueira Valverde comenta o seguinte sobre esta composición: "A moi fermosa Primeira Elexía ("Que soñada morte ou espada, decídeme") foi publicada en Nós no 1934 e recollida agora en libro por Costas González, na Herba aquí e acolá entre As vellas sombras, con variantes. Supoño que esté adicada a Manuel Antonio (m. 1930), xa que outra incluída en Dona do Corpo Delgado leva o rubro de Derradeira".

PRIMEIRA ELEXÍA
Qué soñada noite ou espada decídeme
Qué outo pino decídeme si eu quixera ser home
arume ou fino corazón chorando

Decídeme simpremente si cada fronte ou medo
inevitábel peito atravesado de terra me recolle descoñecido
Seriamente falando
quero quero volver a pôr a miña gorra mariñeira
aquela gorra dos oito anos
cando entre o meu sono i-eu cantaba a luz

Eu compárome aos mortos
Deixadas quedan as ruas a aqués que teñen corpo
a aqués que soñan con pechaduras e tellados
O meu corpo xa está durmindo naquela poboación lacustre
que busquei perante vintedous anos i-oito meses
naquela poboación lacustre derrubada
polos coléricos peixes das grandes mareas atrasadas

Decídeme se eu quixera ser home
Eu quixera recobrar aquela man de finos dedos nervosos
aquela perna enterrada na area
aquela galeiría con unha fotografía no fondo
aquel reló sen vidró disecado
Quero quero chorar desconsoladamente o meu cabelo castaño escuro
agora que o meu corpo durme na beira mesma dun lago páledo

Decide que agonía traspasada ou carne humán me berra
Coaa miña gorra mariñeira dos meus oito anos
eu quero volver a descansar na miña propia cabeza
nas miñas propias máns
Sober dos meus propios pés estaría mirando como
resucitaba

Ti vello vento do Norde
e ti vella cidade amorosa
Anceio cruzarme nas vosas esquiñas
os labios docemente decorados de silenzosas sorrisas
Qué musgo quero romper na miña soma
para volver a ser paseante de longas zancadas
No espello do armario agárdanme tristes
restos dun rostro amado eternamente
Decide si pode ser novamente aquela voz oída algunha vez.