Presentación na Academia de 'Martin Codax. Bañarnos emos nas ondas'

Nesta obra, editada conxuntamente pola Real Academia Galega, o Parlamento e a Xunta de Galicia, recóllense as sete cantigas de Martin Codax publicadas hai un século polo libreiro Pedro Vindel.
Henrique Monteagudo, Alonso Montero, Xesús Vázquez, Giuseppe Tavani e Pilar Rojo
Henrique Monteagudo, Alonso Montero, Xesús Vázquez, Giuseppe Tavani e Pilar Rojo


O título completo da obra, con edición a cargo do secretario da Academia, Henrique Monteagudo, é Martin Codax. Bañarnos emos nas ondas! As sete cantigas / O Pergamiño Vindel, e á súa presentación asistiron -ademais de abondosos membros numerarios e persoeiros da cultura galega- a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo; o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero; o conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; o secretario desta corporación, Henrique Monteagudo; os secretarios xerais de Cultura e Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García Gómez respectivamente, e o membro honorario Giuseppe Tavani, autor, así mesmo, dunha introdución preliminar a esta obra.

Capa do libro
Capa do libro


O primeiro en tomar a palabra foi o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, quen na súa intervención trazou un perfil biográfico do libreiro Pedro Vindel (1865-1921), e do proceso de descuberta e publicación en 1914 das sete cantigas de Martin Codax no que participou tamén o erudito pontevedrés Víctor Said Armesto, primeiro titular no estado español dunha cátedra de literatura medieval galego-portuguesa.

O secretario da Academia e editor da obra, Henrique Monteagudo, comezou o seu discurso salientando a necesidade de pór en valor e espallar o coñecemento da nosa tradición literaria: "Con esta edición queremos chamar a atención sobre o valiosísimo tesouro que constitúe a nosa lírica medieval", e proseguiu a súa alocución facendo unha descrición dos aspectos máis relevantes da publicación presentada onte na Academia, e que consta de varios textos introdutorios, traducións a oito linguas, reproducións facsimilares das versións conservadas no Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa e na da Vaticana, así como dun disco compacto coas interpretacións musicadas das cantigas de Martin Codax seguindo a notación musical conservada no Pergamiño Vindel.

"O que me chamou a atención sobre as Cantigas de Martin Codax foi a interpretación que deste texto fixo o gran lingüísta Roman Jakobson, quen aplicou un método de análise estruturalista, baseado na identificación dos elementos recorrentes, completamente ineficaz na interpretación deste tipo de composicións que se basea precisamente na iteración e nos paralelismos", con esta confesión principiou a súa lectura o profesor Giuseppe Tavani, membro honorario da Academia. Para este estudoso, as Cantigas de Martin Codax deben ser lidas como un "macrotexto" , un conxunto unitario no cal cada unha das cantigas forma parte dun discurso narrativo máis amplo no que se expresa un "desexo frustrado" da narradora protagonista: o do regreso do amante ausente.

O conselleiro de Educación e Cultura, Xesús Vázquez, definiu as cantigas de Martin Codax como "raíz primixenia da nosa cultura" e destacou ademais a súa potencia literaria: "aquí a palabra revélase cunha enerxía capaz de transmitir emocións que non caducan". O conselleiro rematou o seu discurso afirmando a necesidade de festexar o centenario da publicación do único texto que conserva a melodía que acompañaba o recitado das cantigas de amigo: "estes bens literarios deben seguir sendo interpretados colectivamente", concluíu.

Giuseppe Tavani e Pilar Rojo
Giuseppe Tavani e Pilar Rojo


Pola súa parte, a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, manifestou a súa satisfacción pola publicación desta obra froito da colaboración entre a institución que preside, a Academia e a Xunta de Galicia: "Sen dúbida, unha conmemoración conxunta das tres institucións contribúe a realzar a importancia literaria da obra de Martin Codax e do valor que a tradición neotrobadoresca ten como patrimonio cultural do maior relevo non só para Galicia, senón para España e a civilización europea no seu conxunto". E rematou o seu discurso expresando a súa vontade de seguir mantendo no futuro a colaboración entre o Parlamento e a Academia.

Imaxe dalgunhas das autoridades asistentes ao acto
Imaxe dalgunhas das autoridades asistentes ao acto


A interpretación, por parte do Grupo de Música Antiga Martin Codax, das sete cantigas deste autor e outras pezas do seu repertorio na Igrexa de Santiago púxolle o ramo á xornada dedicada á conmemoración do primeiro centenario da publicación do Pergamiño Vindel.

O Grupo de Música Antiga Martin Codax durante a súa intervención.
O Grupo de Música Antiga Martin Codax durante a súa intervención