Luís Caparrós, Barreiro Fernández, Alonso Montero, Henrique Monteagudo e Emilio Xosé Insua
Na presentación do acto, o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, evocou a figura de Pastor Díaz botando man das palabras que lle dedicou Castelao na súa "Alba de groria": "Vén axiña Nicomedes Pastor Díaz, coa súa lira de nacra, abrindo a renascencia literaria de Galiza".
A seguir, tomou a palabra o profesor Emilio Xosé Insua López, quen fixo memoria no seu discurso das recorrentes homenaxes que a Academia lle leva tributado ao poeta de Viveiro ao longo da súa historia, unha relación iniciada mesmo antes da fundación desta institución en 1906, pois, xa en 1891, Manuel Murguía fora o impulsor da iniciativa que deu lugar á erección da estatua a Pastor Díaz no seu Viveiro natal. Insua López, logo de situar o autor da Mariña como un epígono do Romanticismo tardío ou "precursor dos Precursores", e de lamentar a súa oposición ao Provincialismo, rematou a súa alocución reivindicando a creación dun Museo Nicomedes Pastor Díaz en Viveiro que manteña viva a figura do autor da "Alborada".
Para o profesor Luís Caparrós Esperante, Pastor Díaz foi unha figura contraditoria: "Pero das súas contradicións interiores alimentou a súa poesía, expresada a miúdo nese ton de falso confesionalismo tan característico do Romanticismo serodio". Luís Caparrós fixo tamén un chamamento a recuncar na lectura continua dos nosos clásicos do XIX, ao xeito da tradición filolóxica inglesa.
O secretario da Academia, Henrique Monteagudo, comentou na súa intervención os aspectos lingüísticos máis relevantes dos dous poemas de Pastor Díaz incluídos na publicación: "Alborada" e "Égloga", salientando a limpeza e sinxeleza das solucións ortográficas adoptadas nesta última composición que anticipan a concepción vixente da lingua escrita, e contrastan coa abundancia de apóstrofos da "Alborada", característica da norma galega culta da segunda metade do XIX. O secretario da Academia salientou, ademais, a vontade do poeta viveirense de crear unha norma culta para o galego nun momento no que a nosa tradición literaria medieval era aínda descoñecida: "Neste sentido, Pastor Díaz foi un pioneiro", concluíu.
O historiador e membro numerario da Academia, Xosé Ramón Barreiro Fernández, fixo, pola súa parte, unha emotiva evocación de quen foi cronista oficial de Viveiro, membro correspondente desta corporación e autor dun capítulo de O resplandor primeiro: o doutor Fausto Galdo. Deste xeito, Barreiro Fernández, logo de salientar as virtudes persoais e "paixón patriótica" do médico viveirense, subliñou a importancia do libro Dicionario das mantenzas, publicado de xeito póstumo, para a bibliografía culinaria galega, libro no que se recollen pezas de tema gastronómico publicadas en El Ideal Gallego.
O resplandor primeiro pódese descargar aquí.