Manuel Rivas e Gonzalo Navaza durante a presentación da revista Roteiros
O acto, celebrado o 21 de novembro no salón de actos da Academia, contou coa presenza do ensaísta e profesor de filosofía Manuel Rivas García, subdirector da revista, e do profesor, escritor e membro correspondente da Academia, Gonzalo Navaza. Na súa intervención, o profesor Manuel Rivas García lembrou que a revista de pensamento crítico Roteiros naceu coa intención de favorecer unha saída editorial a aqueles traballos que non atopaban un acceso doado á publicación e lamentou tamén a dificultade engadida que o actual contexto económico supón para a continuidade da revista. Para rematar, o subdirector de Roteiros fixo unha emotiva evocación dos aspectos persoais e pedagóxicos de quen fora o seu profesor de grego durante o bacharelato, Edelmiro Bascuas.
A importancia e vixencia do labor filolóxico do profesor Bascuas, finado na Coruña en febreiro do 2011, foi analizada con detemento polo profesor Gonzalo Navaza. Nas súas palabras, Edelmiro Bascuas "é o verdadeiro fundador paleonimia galega, que antes da súa chegada era unha especie de saco onde se metían todos os termos prerromanos de orixe dubidosa ou difícil de descifrar". Este labor de pescuda filolóxica de Edelmiro Bascuas tiña o mérito engadido de se aplicar sobre o caso galego, pois, segundo o profesor Navaza, "seguramente non existe, en toda Europa, outro lugar con tanta riqueza toponímica como Galicia debido, entre outros factores, á dispersión da poboación; á nosa orografía, que favorece o seu illamento, e á antigüidade do seu asentamento".
Para Gonzalo Navaza, a principal achega do profesor Bascuas consiste na súa adaptación da teoría do indoeuropeísmo á realidade galega, "o que lle permitía dar conta de fenómenos como o do p inicial, tan abondoso en Galicia e que, segundo a teoría ortodoxa, non existía no celta europeo". As propostas teóricas do profesor Edelmiro Bascuas coincidían en boa medida, segundo Gonzalo Navaza, coa teoría da continuidade paleolítica, "que é a que defende o predominio da evolución interna dos pobos paleolíticos sobre a teoría da invasión dun pobo conquistador que somete os outros, á hora de dar conta da formación das linguas". Gonzalo Navaza explicou a escolla, por parte de Edelmiro Bascuas, da paleohidronimia como materia de estudio, "porque este é o campo máis arcaico da lingua e o que menos muda ao longo do tempo, pois os ríos son das poucas cousas que non están sometidas á propiedade". O profesor rematou a súa intervención subliñando a importancia do legado de Bascuas: "todo o que se faga en toponimia galega actual ten que se apoiar forzosamente nos traballos de Edelmiro Bascuas".