A actividade foi organizada pola Comisión de Cultura e Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da USC en colaboración co Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega. O volume que recolle os resultados da investigación pode consultarse na sección de publicacións de academia.gal.
O traballo do Seminario de Sociolingüística constatou que, aínda que de xeito global a xeración Z ou dos centennials remata a secundaria obrigatoria cunha competencia aceptable nas dúas linguas oficiais, este retrato xeral oculta unha realidade ben diferente na que se constata un acusado desequilibrio en detrimento do galego. Mentres que o alumnado galegofalante amosa un dominio similar nos dous idiomas, máis dun 35% do castelanfalante ten unha escasa competencia en galego.
O dominio parello dos dous idiomas está, de feito, relacionado cun perfil de estudante que ten a lingua galega presente na súa vida cotiá, dende a familia ata a escola. Outro factor determinante é a titularidade do centro: o estudo conclúe que os centennials dos institutos públicos rematan a ESO cunha competencia semellante en ambas as linguas, en contraste co que acontece na rede privada, onde se gradúan cun dominio bastante máis deficiente en galego ca en castelán.