Foto de familia dos premiados co presidente da Xunta
No acto de entrega dos galardóns, que tivo lugar no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, asistiron, entre outros, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; o conselleiro de Educación e Cultura, Jesús Vázquez Abad; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o seu homólogo de Política Lingüística, Valentín García; o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez e o expresidente da Xunta de Galicia, Xerardo Fernández Albor.
No seu discurso, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, logo de describir os creadores de cultura galega como un "inmenso exército pacífico", salientou: "Eles son os silvicultores dunha fraga que é patrimonio común. Necesitámolos para que nunca esmoreza". O presidente destacou tamén á fidelidade ao herdo natal da comunidade galega na diáspora: "Os que alá se foron puideron optar por esquecer todo o deixado atrás, e nacer de novo. Pero decidiron seguir sendo o que eran, galegos".
A poeta e académica, Luz Pozo Garza (Viveiro, 1922), quen recibiu o Premio da Cultura Galega 2013 na categoría de Letras, é considerada pola crítica unha das voces máis innovadoras e persoais da poesía galega contemporánea. Autora unha extensa obra espallada ao longo de máis de vinte títulos de poesía e ensaio, libros como Códice Calixtino ou Deter o día cunha flor son dous referentes indiscutibles da última literatura galega.
O académico e lingüista, Manuel González recibiu, pola súa parte, o galardón na categoría de Lingua polo seu labor á fronte da Asociación PuntoGAL que vén de acadar a concesión polo ICANN do dominio .gal para o noso país. No seu discurso de recepción do premio Manuel González manifestou: "Temos o compromiso de construír a Galicia do futuro desde a fidelidade ás nosas raíces para que os nosos descendentes poidan sentirse orgullosos de nós".
No resto de categorías os premiados foron: o de Artes Plásticas para a Fundación Eugenio Granell; o das Artes Escénicas, para a Mostra de Teatro de Ribadavia (Abrente-MIT); Patrimonio Cultural para o Museo do Castro de Viladonga; Promoción Exterior, para o Instituto Arxentino-Gaglego Santiago Apóstol; Musica, para o compositor Juan Durán; e na categoría Audiovisual, Bambú Producciones.