Placa de Lugrís
"A biografía e obra de Manuel Lugrís amosan unha vida de total entrega á dignificación e á normalización da lingua galega, sempre unida á defensa de Galicia, para o que participou na creación de moi diversas entidades políticas e culturais".
Así se expresou o plenario da Real Academia Galega cando acordou dedicar o Día das Letras Galegas do ano 2006 a Manuel Lugrís Freire. E esta homenaxe acadou máis valor, se cabe, ao coincidir no citado ano coa celebración do centenario da fundación da RAG, da que o propio Lugrís foi cofundador.
Non imos facer aquí un percorrido biográfico da figura de Manuel Lugrís, o que sería demasiado ambicioso, senón unha pequena homenaxe, aproveitando o 150º aniversario do seu nacemento, en Sada, concretamente o 11 de febreiro de 1863, coa descrición dunha peza -que ten a RAG na súa colección- dedicada a esta gran personalidade galega.
A mencionada peza é un relevo en bronce da cara de Manuel Lugrís, de perfil; e foi doada á Academia pola súa filla María do Pilar Lugrís, en 1958. Realizouna Fernando Cortés, artesán betanceiro que acabou sendo mestre na Escola de Artes e Oficios Artísticos da Coruña, da que antes fora alumno e onde foi discípulo de Navarro e Brocos. A pesar de ser un artista pouco recoñecido, Cortés conta con obras recoñecibles polo gran público, como son os bustos de Pondal e Murguía dos xardíns coruñeses de Méndez Núñez ou a placa dedicada a Leiras Pulpeiro no seu Mondoñedo natal, obras estas que serven para vinculalo ao galeguismo. Proba deste vínculo é a súa pertenza á Real Academia Galega, como membro correspondente case desde os seus inicios, concretamente desde 1909, e como membro de número desde 1941 ata a súa morte en 1948.
O relevo que se encontra na Academia é unha copia idéntica do medallón que coroa a placa colocada na fachada da casa natal de Manuel Lugrís, en Sada, no número 13 da Praza de San Roque. Pódese afirmar, case con total seguridade, que as dúas pezas foron feitas ao mesmo tempo por Cortés, quedando unha delas en reserva por se xurdía algún problema durante a elaboración da placa.
O acto de homenaxe celebrouse o 13 de xullo de 1930, por iniciativa da sociedade "Sada y sus contornos", á que se sumou o Concello de Sada. No ano 1914 creouse en Nova York A "Sociedad de instrucción y apoyo Sada y sus contornos", e, pouco despois, creouse unha delegación na vila de Sada, da cal Manuel Lugrís foi presidente honorario. A delegación nas Mariñas tivo como misión fundamental a construción dunha escola, pero tamén organizou actividades culturais e benéficas, e, asemade, mantiña contactos con sociedades e delegacións con finalidades similares.
Durante a ditadura franquista o edificio número 13 da Praza de San Roque foi derrubado para erguer unha nova edificación, e a placa quedou depositada nas dependencias do Concello.
En 1976, o Concello de Sada recibe un escrito dos descendentes de Manuel Lugrís no que lle solicitan a entrega da placa, para a súa custodia e conservación, mentres non sexa colocada nun lugar significativo da vila sadense.
En 1977, o Concello recibe outro escrito, esta vez da Real Academia Galega, que o insta a colocar a placa nun lugar visible do centro de Sada.
Tras algúns problemas para decidir o novo emprazamento da placa, o Concello de Sada acorda, no verán de 1981, colocala no seu emprazamento actual, nun lateral da capela de San Roque, a poucos metros de onde estaba a casa natal de Manuel Lugrís.
A crónica de A Nosa Terra, en xullo de 1930, da homenaxe a Manuel Lugrís, pódese ler aquí.