Pito

  Non pode haber nada máis bonito, máis interesante, nin máis apaixonante ca estes nomes que reflicten, cecais, a primeira impresión que aos ollos e á alma dos homes que a habitaron causou a nosa patria, esta terra na que vivimos e amamos...
Gaston Paris

Dicía Novoneyra, e repetía a amigos e achegados, que todos tiñamos a obriga de termar das palabras, coidar as nosas palabras. Conseguiríamos deste xeito evitar a perda do noso maior tesouro. Os dicionarios son unha forma de transmisión que pode dar fe da existencia de palabras e situacións pero que non cobran vida auténtica ata que nós as usamos e liberamos do nicho da páxina, da quietude do libro. Reflexionar sobre as nosas palabras é termar delas, como quería o escritor do Courel.

Velaquí, logo, unha reflexión:
No galego e noutras moitas linguas románicas son numerosos os nomes comúns que son a orixe doutros tantos topónimos e antropónimos. Como sabemos, o estudo dos nomes propios desenvolveu unha póla da lingüística chamada onomástica, con dúas divisións principais, toponomia, que estuda os nomes de lugar e antroponimia, que se ocupa dos nomes e dos apelidos de persoas. O estudos onomásticos poden esclarecer moitos aspectos da nosa historia política, económica e social. Por este motivo a Real Academia Galega ten constituído actualmente un seminario de onomástica que se está ocupando do estudo desta disciplina lingüística.

Cando os nomes comúns serven para referirse a persoas é frecuente que deseguida xeren un masculino ou feminino: xa sexan fitónimos, por proceder do mundo vexetal, como Figueira/Figueiro, Carballo/Carballa ou Pereira/Pereiro; xa sexan orónimos, por proceder dos accidentes xeográficos, como Valiño/Valiña; das condicións da terra como Barreiro/Barreira ou Caleiro/Caleira; xa sexan hidrónimos como Mariño/Mariña; ou procedan de oficios como Pastor/Pastora; ou procedan de topónimos transparentes, Ribeira/Ribeiro; ou mesmo sexan zoónimos como Obelleiro/Obelleira, etc, etc.

A regularidade das estruturas lingüísticas permítenos ampliar a flexión de xénero a outros moitos nomes e todo funciona con corrección ata que chegamos a certas palabras que non permiten este desdobramento aplicado a persoas. Tal é o caso de Pita que, se nos achegamos á Cartografía dos apelidos galegos, rexistra 6.148 ocorrencias en toda Galicia. Non obstante o apelido Pito, rexistra cero ocorrencias. Cal pode ser a causa desta sonada ausencia na nosa antroponimia?

Todo apunta a que ninguén quixo adoptar como apelido unha forma que xa tiña, desde hai moito tempo, a significación aínda hoxe conservada de pene. Non será un mal exercicio lingüístico comprobar como moitos nomes comúns que figuran no noso dicionario non teñen sido adoptados por persoas debido ao mesmo motivo do citado pito malia figurar como alcume aldraxante en non poucas ocasións.

Os lingüistas chaman a este fenómeno tabú da decencia que afecta nomeadamente ao sexo e a certas partes e funcións do corpo.