Que características definen a obra de Vidal Bolaño?
A obra teatral de Roberto Vidal Bolaño é unha obra proteica, mais onde existen, coido, unhas cantas ideas-forza ou recorrencias. Esquematicamente, serían: a preocupación por visibilizar unha historia da Galiza negada ou submetida a continuas deformacións; a teima por esborrifar ou diluír as fronteiras convencionais entre ficción e realidade; a amostra da face oculta desta, da realidade dada como "normal"; a valorización das formas parateatrais ou do teatro popular galego; o uso, en fin, do distanciamento autorial, da ironía, do humor paródico e, aínda, de procedementos filoesperpénticos para un labor continuado de denuncia contundente e sen concesións dunha realidade político-social coa que non comungaba en absoluto, e que coincide coa posta en marcha das institucións autonómicas galegas, desde o comezo da década dos oitenta do século XX.
Que importancia tivo a súa figura -como autor, director e actor- na constitución do teatro galego moderno?
É unha das persoas máis relevantes na constitución (ou tentativa de) dun teatro galego moderno, profisional e á altura dos tempos, por varios motivos: a procura do abrazo do teatro con outras artes e procedementos artísticos, como o audiovisual ou a música; a vocación de servir unha escena galega "completa", que contase coa representación dos clásicos e a descoberta dos contemporáneos; a non separación de oficios teatrais que el proprio practicou, como director, autor, actor e represaliado. Subliño esta última condición, pois é sabido que, no seu día, foi vetado como actor do elenco previsto para unha montaxe ordenada polo Centro Dramático Galego, ou, aínda, a súa obra premiada As actas escuras só coñeceu representación póstuma, pois, a pesar de o premio obtido levar aparellada a súa representación, esta, en vida del, nunca se produciu, e só pudemos contemplala recentemente (seica determinados temas vinculados ao mito xacobeo continúan a ser tabú…).
Que vixencia conserva a súa obra no contexto actual?
Ter decidido que sexa o autor celebrado no Día das Letras Galegas neste ano 2013 servirá -esperamos- para que unha obra como a del, tan rica e variada, poda ser lida e, sobre de todo, representada de forma xenerosa e nacional, isto é, con máis funcións das escasas que ten o teatro galego e por toda a Galiza. Na realidade, cuestións principais da súa denuncia -canto á actuación dos poderes públicos e das autoridades en materia cultural- non só desapareceron, senón que, no momento actual, apioraron notoriamente, por diminución de orzamentos e por seguir a considerar a actividade cultural prescindíbel ou ornamental. De modo e maneira que a divulgación-escenificación das súas obras pode moi ben ser unha vinga, un espello acusador dos teatricidas que, para mal noso, todas as galegas e todos os galegos pagamos.