"Participar nos Cursos de lingua e cultura galegas cambiou a miña vida"

Os Cursos de lingua e cultura galegas celebraron neste mes de xullo a trixésima edición. Tres décadas dándolle vida ao noso idioma por todo o mundo, e tamén marcando as vidas das persoas que pasaron polas súas aulas, máis de 2.600 alumnos e alumnas procedentes de case todos os recunchos do mundo. Recollemos catro testemuños boa mostra disto.

Alumnado e profesorado da segunda edición dos Cursos de lingua e cultura galegas nas escaleiras da Facultade de Xeografía e Historia. Imaxe cortesía de Isabelle Kerdudo


Johannes Kabatek participou no verán de 1988 nos acabados de nacer Cursos de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras". "Non sabía case nada do galego e de Galicia. Agora, desde a distancia de trinta anos, debo dicir que aquel mes durante o cal tiven o privilexio de participar naquela primeira edición deu un rumbo á miña vida, tanto a nivel profesional coma privado. Agora teño tres fillos galegos, unha casa preto de Santiago, unha tesiña, unha tese e algunha que outra publicación sobre o galego, e a terra galega chegou a ser tamén un pouco miña", resume.

Hoxe aquel mozo que atravesou media Europa nun dous cabalos para chegar ata Santiago de Compostela é catedrático de Linguística Románica na Universidade de Zürich, académico correspondente da Real Academia Galega e un bo exemplo de como estes cursos contribuíron a tecer unha importante rede de transmisores da lingua e da cultura galegas no exterior. A clave? "O entusiasmo das persoas que nos acolleron desde o primeiro momento como se fósemos galegos de adopción", apunta. "Déronnos o mellor delas, o seu saber sobre a lingua, a literatura e a cultura, e todo acompañado dunha calor humana que fixo que todos os que participamos naquela primeira aventura volveramos despois, e algúns con regularidade. Desde a distancia, só podo volver agradecer esa enorme xenerosidade", conclúe.

Para Isabelle Kerdudo estes cursos tamén foron determinantes na súa vida. Tanto, que ficou a vivir en Galicia. Chegou a Compostela para participar na segunda edición tras coñecer Galicia a través das estudantes galegas que cursaban un ano na súa universidade, a de Roazhon / Rennes II, na Bretaña, onde estudaba lingua e cultura españolas. Ao rematar a licenciatura volveu a Galicia para traballar como lectora na Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Ourense e mergullouse no mundo do entroido, sobre o que realizou o estudo "Entroido en Laza. Chrétiens et païens" (1991). "Cativoume tanto Galiza que trasladei a miña residencia a Santiago de Compostela. Os cursos marcaron o principio da miña traxectoria como persoa comprometida coa lingua galega, lingua que emprego a diario e que transmitín á miña filla xunto co francés", conta Isabelle Kerdudo, profesora de francés na EOI de Santiago, coordinadora do Equipo de Dinamización da Lingua Galega deste centro e membro activo de asociacións como a Mesa pola Normalización Lingüística ou a Agrupación Cultural O Galo.

Na imaxe sobre estas liñas, facilitada por ela mesma, sorrí desde a última ringleira xunto a outros alumnos e alumnas e profesores daquela edición de 1989. Ao seu carón está Robert Neal Baxter, lingüista e tradutor británico que tamén fixou desde os primeiros anos 90 a súa residencia en Galicia, e cuxo primeiro contacto co galego foi igualmente na Universidade de Roazhon. "Mais foron os cursos para estranxeiros/as os que realmente despertaron en min un interese duradeiro pola lingua e cultura galegas, até me comprometer politicamente como militante do BNG desde o momento en que fixen da Galiza o meu fogar, mesmo chegando a formar parte do Consello Nacional, pois coido que non haberá normalización lingüística plena sen soberanía política real", salienta. "Os cursos tamén contribuíron de xeito significativo á miña andaina profesional, como profesor de interpretación na combinación inglés-galego da Universidade de Vigo, labor que desempeño desde xa máis de 20 anos. Tamén contribúo mensalmente ao Terra e Tempo Dixital en liña con artigos de temática social, cultural e internacional, sempre en relación coa realidade galega", engade.

Takekazu Asaka pisou por primeira vez Galicia no verán de 1989 para participar no XIX Congreso Internacional de Filoloxía e Lingüística Románica, pero non foi ata o seguinte cando cursou os cursos que segue a organizar a Real Academia Galega coa colaboración co Instituto da Lingua Galega e o apoio da Deputación da Coruña e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. "Foi unha excelente oportunidade para empezar a estudar o galego para estranxeiros como xaponés. Cando comezara a estudalo no ano 1980, daquela non había case ningún texto. Na edición destes cursos de 1990 empecei a estudar galego con bos profesores como Xosé Luís Regueira e Francisco Fernández Rei", recorda. Dende entón traballa como profesor de Filoloxía Románica na Universidade de Tsudajuku, leva vertido ao xaponés obras de autores galegos como Rosalía de Castro e Ramón Cabanillas e elaborou a primeira gramática galega para nipóns.


Takekazu Asaka, á dereita, con Constantino García e Xosé Ramón Barreiro no ILG.
Foto cortesía de T. Asaka


O profesor Asaka organiza ademais desde hai anos en Toquio e en cidades próximas un ciclo de música e poesía galegas para celebrar o Día das Letras Galegas no que se poden escoitar concertos como o que deron as súas compatriotas Miho Haga e Yukiko Yamagami no acto de clausura da XXX edición dos Cursos Galego sen fronteiras. Desde o pasado mes de xuño é académico correspondente da RAG en recoñecemento do su labor de difusión da lingua e da cultura de noso en Asia.