Tribuna

Palabras para un tempo novo

Este ano 2024 será o Ano Luísa Villalta, igual que o 23 foi o ano dedicado a Francisco Fernández del Riego. O 17 de maio a Real Academia Galega honrará a nosa poeta. En certa medida, honrará tamén a xeración de autores e autoras que comezan a expresarse na década dos anos 90 do pasado século e nos primeiros anos do século actual. Unha xeración nova, ilusionada, entusiasta, aberta ao mundo. Unha xeración sen complexos que xorde coa ambición de construír unha nova realidade, un novo tempo. Luísa representa ese impulso creativo, unha curiosidade intelectual e artística que a leva a ensaiar diversas formas de expresión, diferentes xéneros, nos que salienta moi especialmente (aínda que non exclusivamente) a poesía. Neste caso, encarna moi ben a xeración poética da transición entre séculos na que, por certo, tiveron especial protagonismo as mulleres.

Ana Romaní, que podemos dicir que pertence á mesma xeración, publica nesta web das Letras Galegas un ensaio biográfico no que explora todos os rexistros da autora: a poesía, o teatro, o ensaio, a tradución de textos dramáticos, a narrativa (novela e relato breve), a opinión a través de columnas no xornalismo... Sen esquecer compromisos que a mantiveron sempre alerta perante as cuestións máis significativas do seu tempo: o feminismo, a docencia (especialmente entregada á sensibilidade das novas xeracións, nas que deixou unha importante pegada), a política, o asociacionismo civil e profesional, a defensa do patrimonio e a natureza… O seu falecemento prematuro (46 anos) deixou un baleiro importante. Estaba no seu mellor momento. Mágoa que a morte a levase tan cedo.

A música foi, dende os primeiros anos, unha das súas vocacións máis motivadoras (e declaradas), seguramente tamén unha das máis esixentes. Música e poesía. Nos seus ensaios afonda con lucidez nesta relación, que se concibe como un diálogo creativo: a música como camiño de exploración e coñecemento, igual que a palabra poética. Outra pulsión que aparece de xeito explícito na súa obra é a cidade da Coruña, territorio da infancia e a adolescencia, espazo vital e emocional, universo autónomo, nalgúns momentos case máxico, que a autora aborda con orixinalidade e autenticidade. Na literatura dramática estreouse moi cedo da man da Escola Dramática Galega e o seu amigo Francisco Pillado Mayor, con textos que no seu momento causaron especial interese pola novidade do estilo e a temática escollida.

Entre as distintas maneira de concibir a creación artística, Luísa Villalta sitúase sempre na emoción e na ambición expresiva: poética sen concesións, que propón unha lectura esixente, ao tempo que ofrece rexistros renovados e estimulantes. A creación non circula por vieiros facilmente transitados, mais busca fórmulas que nos sorprenden e nos interpelan, que nos desafían, e converten o lector/lectora en partícipes activos.

Víctor F. Freixanes
Presidente da Real Academia Galega