Os VI Premios Mil Primaveras recoñecen o proxecto de investigación e acción 'Modo galego, actívao!'

Modo galego, actívao!, o proxecto de investigación e acción para a promoción do galego na infancia que a Real Academia Galega desenvolve en colaboración co Concello de Ames, é unha das experiencias premiadas na sexta edición dos Premios Mil Primaveras que concede a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua. Os galardóns recoñecen outros tres programas que inciden na infancia e na mocidade, favorecen a socialización en galego e potencian a reflexión e a posta en marcha de medidas para asociar a lingua con valores positivos: a canle de vídeos animados Galego para peques, a empresa de deseño e fabricación de xogos de mesa en galego Brazolinda e o programa do CEIP Sagrada Familia da Coruña Vitamina G.

Alumnado de Ames completando a cartilla de "superpoderes" de Modo galego, actívao!

Modo galego, actívao! naceu no ano 2021 froito da colaboración entre o Seminario de Sociolingüística da RAG e o Concello de Ames que dera lugar ao Mapa sociolingüístico escolar de Ames. Pasouse así do diagnóstico á acción cunha experiencia ata o momento singular na medida en que combina a posta en práctica de propostas para a dinamización da lingua e a súa avaliación e se dirixe a todas as partes implicadas nos espazos de educación formal e non formal: o alumnado (uns 2.500 estudantes de educación, infantil e o primeiro ciclo da ESO dos centros públicos amesáns), o profesorado, o monitorado das actividades extraescolares e servizos complementarios e as familias.

O xurado dos VI Premios Mil Primaveras estivo formado por Manuel Bermúdez, técnico de normalización lingüística da Universidade de Santiago de Compostela; Marga R. Tilve, produtora audiovisual; Iago Gordillo, titulado en comunicación audiovisual; Olga Patiño, docente; e Concepción Cochón, técnica de normalización lingüística do Concello de Pontevedra. Na súa resolución destaca que Modo galego, actívao! é un proposta replicable noutros lugares, valora a colaboración entre institucións e a implicación de diferentes axentes na que se sustenta, sinala a súa “planificación coidada e rigorosa” e a promoción da “reflexión sociolingüística interxeracional” que promove e valora tamén que lle preste atención aos diferentes espazos e ámbitos da vida dos nenos e nenas co propósito de facilitar a socialización en galego.

Os galardóns que a CTNL promove co apoio económico da Deputación de Pontevedra entregaranse no mes de xuño nun acto público.